Fina Varelas e Gonzalo Jácome

A formación que lidera Gonzalo Jácome preséntase por primeira vez a unhas eleccións municipais fóra da capital ourensá.
Democracia Ourensana presentará ás eleccións municipais de maio candidatura no Concello de Barbadás, encabezada pola empresaria Fina Varelas.

 

Vinculada a este partido desde fai cinco anos, agora dá o paso a encabezar a lista no municipio limítrofe onde DO se marca como obxectivo conseguir entre “catro ou cinco” concelleiros nestes comicios, nos que Barbadás pasa de 13 a 17 escanos por aumento de poboación.

Acompañada de Gonzalo Jácome e de parte da candidatura, Varelas desgranou os 24 piares do seu programa electoral, no que a máxima é “100% transparencia, cero corrupción”. “Gústame que todo o mundo teña oportunidades, a igualdade, non me gustan as inxustizas”, explicaba a súa filosofía a candidata.

Fina Varelas non quixo entrar a valorar o legado do actual alcalde, o popular José Manuel Freire Couto, máis alá de opinar que non sabe “como as persoas poden crer nese partido”. Asegura que, na vez de “falar mal doutras persoas” prefire facer propostas, “solucionar o que está mal”.

E así, Democracia Ourensana propón para Barbadás a implantación dos orzamentos participativos, a erradicación do enchufismo, que denominou “unha praga” neste municipio, a eliminación de empresas intermediarias e dos gastos superfluos, a redución de taxas como o IBI nun 20% e a revisión dos vixentes contratos como o da auga e o da recollida de lixo. “A auga é máis cara en Barbadás que en Ourense”, dixo.

Apoiar a implantación de empresas no polígono do concell e impulsar a creación dun instituto na Valenzá e dunha segunda gardería pública son outras das propostas de DO, así como resolver os problemas do transporte urbano, mellorar o mantemento dos parques e zonas verdes e dos camiños e estradas do termo municipal, cuxo estado denominou de “desastre”.

O fomento do deporte base, a creación dunha protectora de anmais, o apoio ás asociacións de todo tipo que hai no concello, a optimización dos efectivos da Policía Local e a creación dun centro de reparto de Correos son outras das propostas recollidas no programa electoral de Democracia Ourensana para Barbadás.