O 19 de marzo, SOS Sanidade Pública convoca concentracións por toda Galicia.

 

Baixo o lema “Os recortes sanitarios matan”, as Plataformas pola Mellora e Defensa da Sanidade Pública de Galicia -agrupadas en SOS Sanidade Pública- convocan mobilizacións en tódalas áreas sanitarias de Galicia para este 19 de marzo contra “os
recortes que atentan a saúde e benestar das persoas”, explican. En Ourense, a concentración dará comezo ás 11 da mañá diante da Subdelegación do Goberno.

Segundo SOS Sanidade Pública, as políticas de recortes da Xunta están tendo un efecto devastador para a atención sanitaria pública galega pois levan aparellada a penetración no sistema de empresas privadas, fondos de inversións e multinacionaias sanitarias. “Unha estratexia que responde a ideoloxía neoliberal do Goberno Popular que entende a atención sanitaria como un negocio privado”, denuncian.

Os recortes no gasto público e as cada vez maiores transferencias de fondos públicos a mans privadas, deixan tan só un 7,1% do orzamento sanitario para o funcionamento dos hospitais e centros de saúde públicos. Por iso, dende estas plataformas lembran algunhas das medidas máis drásticas tomadas pola Consellería de Sanidade, como a baixada nun 12% dos orzamentos sanitarios públicos, redución de 2.094 traballadores sanitarios, peche de máis de 275 camas, privatización dos Servizos Estratéxicos (historia clínica electrónica; receita electrónica; sistema de citas, teléfono informativo “012”; limpeza e enerxía; catering dos hospitais; compra de equipamento tecnolóxico; hemodiálise; etc.); eliminación dos recursos dirixidos a colectivos de risco, privatización das baixas laborais por enfermidade, etc.

No caso de Ourense, recordan o peche de Piñor, a privatización da Xestión do Mantenemento, perda dos 400.000 metros cadrados de terreos de Toén, peche da atención as 24 horas da Cirurxía Pediatrica, nula resposta a carencias na atención urxente, entre outras.

Medidas que están a causar un amento da listas de espera, colapso de urxencias ou a ausencia de tratamento aos doentes de Hepatite C.

Por todos estes motivos, dende SOS Sanidade Pública animan a toda a poboación a participar nestas mobilizacións contra os recortes. “Non ao negocio coa saúde”, insisten.