A Sala de Exposicións de Verín acolle, do 21 de marzo ao 25 de abril, a mostra «Reconstrución combinada» de Andrea Costa.

A artista pontevedresa Andrea Costa presenta na Sala de Exposicións de Verín, desde o 21 de marzo ao día 25 de abril, a mostra “Reconstrución combinada” con dúas ducias de obras que se caracterizan pola revalorización do inservible, polo uso de material de desfeito que se reconstrúe e combina para formar algo novo, agradábel e artístico.

Nesta exposición, Andrea Costa transforma plásticos, xornais e madeiras, con pinturas acrílicas e látex, en obxectos artísticos que simbolizan o esforzo de existir cun sentido novo. Con dúas obras de gran formato tituladas “Momentos”, a artista lévanos pola metáfora da “liña da vida” a través dunha sucesión de puntos de diversa intensidade.

No grupo “Anacos de rabia”, formado por media ducia de obras, trata de transmitirnos os efectos da destrución e da construción, das decisións incontrolábeis que nos definen e transforman.

Por último, en “Sombras”, conxunto de 13 obras de pequeno formato, preséntanos a súa reflexión artística sobre a construción do ideal, sobre o intento de converternos no que queremos, e sobre o resultado, que non sempre é o esperado; e que terá tantas lecturas como persoas vexan as obras, porque estas cambian dependendo dos espectadores, faceta psicolóxica da arte.

A mostra poderase visitar na Sala de Exposicións de Verín de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas.