A candidata socialista Ana María Rodríguez denuncia que o Concello cedeu terreos á Xunta para a súa construción no 2008, pero na actualidade aínda non comezaron as obras.

A candidata socialista Ana María Rodríguez reclama a construción en Maceda da escola infantil en terreos cedidos á Xunta por acordo unánime da corporación municipal o 14 de marzo de 2008.

Un acordo unánime que se repetiu en mocións no 2010, 2011 e sucesivos, mesmo con recollida de sinaturas enviadas á Xunta; de feito, o grupo socialista vén reclamando a inversión ano tras ano no Parlamento Autonómico en alegacións ao orzamento.

“Responde á necesidade real dun servizo de conciliación da vida laboral e familiar ao mesmo tempo que educativo para un concello que ten en funcionamento un Punto de Atención á Ifancia que queda pequeno, con lista de espera”, explica Rodríguez.

“Maceda necesita de seu unha escola infantil ao lado do colexio e do instituto, por matrícula, por cabeceira de comarca en servizos educativos, -daclara a candidata- estamos a sufrir discriminación con respecto a outros concellos e isto sen ter en conta o abaratamento da construción xa que os terreos están cedidos”.

A candidata socialista pregunta “por que a Xunta non constrúe a escola infantil en Maceda, pero si a Deputación aproba subvención á Mancomunidade para adquirir terreos? É un sensentido, -afirma- a non ser que se executen os dous proxectos”, considera.

“Outra vez aos servizos educativos en Maceda os gobernos do PP poñéndolle trabas e impedimentos como foi á construción tardía do Instituto ou á ampliación para albergar ciclos”, -finaliza.