Actuacións de rúa en pleno casco histórico, mercados, obradoiros para nenos e visitas guiadas ao Rexo centran a Semana Santa ao Vivo en Allariz.

A Semana Santa en Allariz, que agarda unha alta ocupación, desenvolverase de xoves a domingo. Nestes días haberá música ambiental nas rúas do casco histórico, protagonizada por Arrueiro, La dama de gris e os alaricanos Jenni & Nico e Feitizo. A Banda Unión Musical de Allariz tamén te´ra o seu espazo o domingo, na Praza Maior, con músicas de cine.

O patio do Museo do Coiro acollerá o Mercado de Artesanía e o Mercado da Reserva da Biosfera amplía o seu horario o sábado, sendo esta, ademais, unah xornada de divulgación sobre herbas aromáticas e culinarias.

Os nenos e nenas terán unha programación específica, o sábado e domingo, coa instalación, na Praza Maior, dunha ludoteca con xoguetes de madeira populares e tradicionais.

Amais haberá visitas ao Rexo para nenos e adultos e actuacións musicais en varios locais hostaleiros. Os museos municipais ampliarán o horario para atender a demanda nestes días.