A vila de Celanova recibe en Semana Santa numerosos visitantes que se achegan para coñecer o seu rico patrimonio artístico ademais de para participar nas celebracións relixiosas que nestas datas teñen lugar en torno ao Mosteiro de San Rosendo.

Con este motivo o Concello de Celanova en colaboración coa Fundación Curros Enríquez informan da ampliación de horarios dos puntos de maior interese turístico e presentan uns roteiros que facilitarán a visita guiada a todo o patrimonio da vila e os seus arredores do 1 ao de abril.

Desde o xoves 1 de abril ata o domingo 5 volverase a ofrecer a posibilidade de realizar o Roteiro ‘Celanova: pedra e poesía’ que inclúe a visita ó Mosteiro de San Rosendo, o acceso á Torre das Campás e un paseo ata a Casa dos Poetas, onde tamén se realiza unha visita guiada. Este percorrido estará dispoñible en horario de tarde, con inicio ás 16.30h. frente a oficina de turismo de Celanova e ten unha duración aproximada de 2 horas e media. Recoméndase realizar unha solicitude previa e o prezo será de 4 euros por persoa.

A novidade deste ano é o Roteiro ‘Celanova: lenda e historia’ que permitirá as visitas guiadas polos arredores de Celanova comezando polo xacemento arqueolóxico de Castromao e o paseo polo conxunto medieval de Vilanova dos Infantes co acceso incluído á Torre da Homenaxe a á Cova de San Vivián. Para este roteiro será imprescindible a solicitude previa posto que o punto de encontro será a Praza Maior ás 10.30h e será necesario traer vehículo propio para os desprazamentos. O prezo será de 4 euros por persoa e a duración aproximada dunhas 3 horas.

En canto á ampliación de horario, a Torre da Homenaxe en Vilanova dos Infantes estará aberta ó público de martes a domingo de 12h a 14h e de 17.30h a 19.30h. Tanto de mañá como de tarde, ás 13h. e ás 18h. será posible realizar un paseo guiado polo núcleo da vila e acceder á Cova de San Vivián.

As visitas guiadas do Mosteiro de San Rosendo aumentan coa visita das 18h. ata o próximo cambio de hora. Dispoñibles seguirán sendo as das 11h, 12.30h e 16.30h. Nestas datas e principalmente nos días festivos o percorrido das visitas verase supeditado ós actos litúrxicos que se desenvolvan no interior da igrexa parroquial.

A visita á Torre das Campás amplíase ata o domingo polo que desde o martes poderase realizar ás 12h. e 17.30h. co punto de encontro habitual na oficina de turismo de Celanova.

A Casa dos Poetas mantén o horario habitual para visitantes que se cheguen por libre de martes a sábado de 11h. a 13.30h. e de 16h. a 19h. Os festivos estará aberta ó público só de mañá, sen embargo poderá ser visitada de tarde e mais o domingo dentro do roteiro ‘Celanova: pedra e poesía’.