O Sindicato Labrego Galego denuncia a demora no abono das indemnizacións por parte da Consellería de Medio Ambiente.

A semana pasada, o lobo volveu facerlle unha desfeita a Ángel Rivas, un gandeiro de Escuadro, Maceda. Desta vez, a vítima foi un becerro de 30 quilos acabado de nacer. Este é o segundo ataque que sofre no que vai de ano na súa cabana gandeira de vacas de raza vienesa; se mira para máis atrás, Ángel perde a conta das reses que ten perdido por causa dos lobos.

Segundo recolle o Sindicato Labrego Galego, deste último ataque, a Ángel preocúpalle máis a situación da nai que o becerro perdido, pois a vaca quedou coas ubres cheas para aleitar, o que pode derivar en enfermidade. Por esa razón, a maiores das perdas ocasionadas polo lobo, terá que custear servizos veterinarios para solucionar este problema.

En canto ás indemnizacións, Ángel sabe que nunca cobren os danos que causan os ataques e que traen canda si unha grande cantidade de trámites e molestias. “E iso se tes a sorte de que apareza o cadáver do animal atacado pois, en caso contrario, non hai indemnización”, explica o SLG. Este episodio viviuno Ángel varias veces, polo que moitos dos ataques que padeceu a súa cabana gandeira non puideron solicitar nin recibir indemnización ningunha. Ademais, desde o Sindicato Labrego Galego denuncian a demora inxustificada no abono deste tipo de indemnizacións por parte da Consellaría de Medio Ambiente, constatando cobros que se fan efectivos dous anos despois do ataque.

A constantes visitas dos lobos á súa explotación fixo que Ángel investise en medidas para tentar evitar os ataques pero, até o de agora, non resultaron suficientes. Por exemplo, ten valada toda a finca na que ten as cortes e lle pacen as reses, pero “xa non é a primeira vez que os lobos saltan o valo para matar e devorar becerros dentro do recinto”.

Ángel quéixase de que nin a Consellaría de Medio Rural nin a de Medio Ambiente fan nada para tentar solucionar ou paliar este problema. “Hai medidas que poderían axudar como, por exemplo, que nos autorizasen a deixar no monte os corpos das reses que morren na explotación, como sempre se fixo, para quese alimenten delas os lobos e outros animais salvaxes. Sen embargo, estamos obrigados a subscribir un seguro de retirada de cadáveres, e unha empresa encárgase de levar os animais mortos. Tal como están as cousas hoxe, pódese dicir que a Xunta nos quita as reses mortas na explotación para que os lobos se alimenten das vivas”.