Durante os meses de febreiro e xuño a Fundación Curros Enríquez acolle numerosos grupos de escolares que se achegan a Celanova a para visitar a Casa dos Poetas e para realizar algunha das actividades organizadas ao redor dos escritores da vila.

Moitos deles realizan o programa ‘Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’ que combina as visitas á Casa dos Poetas, ao Mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e a Castromao cun percorrido urbano a través da poesía pola vila de Celanova.

Anualmente a recepción media de visitas escolares na Casa dos Poetas ronda os 50 centros de toda Galicia (aproximadamente uns 2.000 rapaces), actualmente, cando aínda se continúan a recibir solicitudes, a Fundación ten confirmada a visita de 41 centros de toda Galicia cunha previsión de 1.780 alumnos.

Desde fai uns anos esta entidade está a agradecer publicamente a aqueles centros que realizan a súa visita por quinto ano desde a apertura da Casa dos Poetas en 2006. É o caso dos seguintes sete centros: CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras, IES Aquis Querquennis de Bande, IES Castelao de Vigo, IES de Rodeira de Cangas, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Xesús Taboada Chivite de Verín e o IES Xulián Magariños de Negreira, que foi o primeiro en recibir un certificado o 26 de marzo.

Este ano a visita a Vilanova dos Infantes incorpora o acceso á Torre da Homenaxe a á Cova de San Vivián (atendidas este ano por persoal da propia Fundación Curros Enríquez), pero o percorrido habitual vese truncado pola desaparición da imaxe da Virxe do Cristal, popularizada por Manuel Curros Enríquez que era unha das paradas máis habituais destes grupos.

Desde a Fundación Curros Enríquez vaise promover por este motivo a gravación da lectura de fragmentos do poema ‘A Virxe do Cristal’ co que gañara, xunto cos poema de ‘O Gueiteiro’ e ‘Unha boda en Einibó’ o certame literario convocado polo Heraldo Gallego en 1877. Estas lecturas promoveranse que sexan realizadas polos centros escolares que tiñan prevista a visita da imaxe para este ano ampliando o convite da participación na gravación a todos aqueles centros que se queiran sumar a esta iniciativa que se considera ademais como unha homenaxe ao párroco Adolfo Enríquez Méndez.