Realizaranse actuacións en 18 quilómetros de camiños agrícolas, fundamentais para o tránsito e acceso a fincas, así como para evitar encharcamentos nas terras de cultivo.

O Concello de Vilar de Santos executou no 2014 varios proxectos incluídos nun completo e amplo Programa de Infraestruturas con diversas actuacións de renovación e mellora viaria e conservación e protección do medio rural e natural en todo o municipio, programa que terá continuidade neste ano 2015 e no que se investirán uns 116.724,86 euros.

Cun orzamento total de 83.454,89 euros, xa comezou a execución dun proxecto de mellora de camiños rurais, incluído dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Este proxecto contempla a mellora nun total de 17 quilómetros da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria e outros camiños de acceso a prados e monte. Un total de 24 camiños nos pobos de Laioso, Bréixome de Arriba, Bréixome de Abaixo, A Venda, Toxediño, Outeiro, Parada, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro, Castelaus, As Casas da Veiga e Vilar de Santos. As obras consistirán na nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra e posterior limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos.

Na zona de Rede Natura do concello investiranse un total de 6.269,97euros nun quilómetro máis de camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración das pistas de acceso ás fincas desta zona do río Limia, cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente.

Estas actuacións súmanse ao arranxo e mellora de 19 quiómetros de camiños feitos no 2014. Con este programa bianual de mellora quedarán reparados 37 quilómetros fundamentais para facilitar o tránsito e o acceso ás fincas, granxas, pero tamén para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro, estratéxico para o concello.

Outras actuacións

Así mesmo, tamén comeza un proxecto de rexeneración do pavimento asfáltico na rede viaria en varios pobos, por un importe de 20.000 euros; e actuacións na rede de sendeiros de Castelaus, o Ruxidoiro e o de Parada para que se atopen totalmente aptos para realizar as rutas camiñando ou en bicicleta BTT.

Ademais, o Concello realizará un esforzo adicional para desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos e a limpeza dos regatos e desaugadoiros.