Alertan do dano medioambiental, sanitario e económico que causaría na zona.

A asociación de veciños Muíño da Lama alerta sobre as intencións do alcalde de Xinzo de autorizar a instalación dunha planta asfáltica en Parada de Ribeira. O colectivo veciñal recolle as declaracións do rexedor popular nun mitin en Parada de Ribeira sobre que a planta, agora precintada, “non é tan mala e irá para adiante”.

Desde a asociación aluden ao dano ambiental, para a saúde e o prexuízo económico para a gandeiría e a agricultura que ocasionaría na zona como argumentos para rexeitar que esta instalación se ubique en Parada de Ribeira. Tamén recordan que o PXOM de Xinzo non permite esta actividade nun solo catalogado como rústico de protección ordinaria. Asemade, a normativa sobre este tipo de actividades establece unha distancia mínima ás zonas habitadas para este tipo de instalacións non inferior a 2.000 metros.

Por estes motivos, a asociación Muíño da Lama anuncia que interporá de xeito inmediato todas as accións xudiciais e legais necesarias para impedir esta “aberración ambiental localizada a escasos 400 metros da igrexa de Parada”.

Así mesmo, este colectivo recorda que en agosto de 2014 se recolleran máis dun milleiro de alegacións contra esta instalación e se realizara unha declaración institucional de rexeitamento no Concello de Xinzo, ademais de paralizar e precintar cautelarmente as obras e as instalacións, por construirense de forma ilegal, fóra do ordenamento e sen licenza.