Gala solidaria en Xinzo

Un acontecemento solidario onde, alén do habitual, a moeda de acceso non foron cartos, senón alimentos e/ou roupa para a xente que os precisa. Recolléronse máis de mil quilos de alimentos.

 

O sábado 13 de xuño tivo lugar en Xinzo de Limia a gala solidaria Rock Star15, na que imperou a diversión, o altruismo e o compromiso.  Diversión para todas aquelas persoas (menores, persoas adultas, maiores…) que acudiron ao Pavillón de Deportes a gozar e participar nalgún dos eventos previstos; altruismo, pola súa parte ao contribuíren á entrada con alimentos e/ou roupa para poboación en situación de necesidade e compromiso por parte das persoas que participaron na organización, empresas e entidades colaboradoras, congregando a moita veciñanza que decidiu gozar dun acontecemento diferente en Xinzo e axudar a persoas que o precisan.

Sen dúbida a aposta polo valor social da xente da comarca foi o momento que reuniu a máis persoas, cando participaron os nenos e as nenas e os seus achegados foron velos, aínda que tamén nos concertos de rock onde acudiu a xuventude.

Dende o Centro de Desenvolvemetno Rural “O Viso” queren agradecer a Fusión, S.C. «por depositar a súa confianza en nós un ano máis para percibir os alimentos recadados na Gala Solidaria ROCK STAR15″ así como» a todas as persoas que contribuíron a facer máis doado o día a día de moitas familias que están atravesando situacións complicadas».

Ademais das contribucións materiais tamén é de destacar o tempo investido solidariamente por parte do persoal voluntario que colaborou na recollida da alimentación e roupa, e das persoas que participaron voluntariamente con Fusión, S.C. para facer realidade un evento solidario desta envergadura.

Programas no C.D.R. «O Viso»

Esta importante contribución permite ao C.D.R. “O Viso” apoiar o desenvolvemento do Programa de Atención Urxente a Persoas en Risco ou Exclusión Social, programa subvencionado dende o Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad a cargo da convocatoria do IRPF 2014, «a través do cal vimos desenvolvendo un reparto mensual/quincenal de produtos de alimentación, hixiene e/ou outros gastos de subministro básicos, ofrecendo a estas persoas un acompañamento personalizado para a súa inclusión e inserción sociolaboral».

No que á alimentación recadada se refire encheuse unha furgoneta con mais de 1.100kg de alimentos (legumes, pasta, arroz, e latas de conserva) e moitos produtos de hixiene.

O Viso tamén colaborou na recollida de roupa destinada á Asociación Filantrópica Boa Vida Inclusión Activa de Pontevedra, enchéndose unha furgoneta dela.