Para os nacionalistas, a agora popular Teresa Barge «pretende cohartar a acción da oposición e impedir a asistencia da veciñanza».

O BNG da Bola emitiu un comunicado no que critica como «prácticas antidemocráticas» a decisión da rexedora, Teresa Barge, de convocar os plenos ás dúas do mediodía. Unha hora que xera, explican desde o BNG, que «algúns membros da oposición, por cuestión laborais, teñan dificultades para poder asistir, e impide tamén que os vecinos e veciñas poidan asistir para participar dos debates do pleno e ter así unha idea real do que acontece na casa do concello».

Unha decisión que, a xuízo dos nacionalistas, pódese interpretar como «a pataleta da alcaldesa por non asumir o resultado das urnas (o BNG acadou tres representantes) e por iso, intenta limitar e condicionar o papel da oposición».

O BNG anuncia que «estará vixiante e fiscalizará e controlará, como así nos mandataron os veciños e veciñas de A Bola, a acción de goberno, denunciando todos aqueles casos, como este, nos que a actitude da máxima representante do concello, ou dalgún dos seus concelleiros e concelleiras contraveña os máis elementais principios democráticos».