O acto de entrega será este mércores 21 de outubro, ás 20 horas, no Liceo de Ourense.

O xurado do Premio Xabier Prado Lameiro, organizado pola Coral da Ruada de Ourense, vén de dar a coñecer o gañador da súa sexta edición, que é a agrupación folclórica Abertal da Rúa de Valdeorras. Trátase dun recoñecemento ao seu traballo que ao longo de vinteseis anos leva realizando no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da música, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que o acompañan, como son os grupos instrumentais, os traxes, as escolas, a animación sociocultural, organización de eventos culturais, etc.

Segundo explican dende a Coral da Ruada, este galardón busca «premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia, de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas”.

Durante o acto de entrega, que terá lugar este mércores no  Liceo con entrada libre, a agrupación Abertal recibirá un diploma, busto en bronce de Xabier Prado “Lameiro” realizado por Manuel García de Buciños e un exemplar da edición facsimil das súas Obras Completas.