Presentación da Noite Meiga de Ribadavia

Celébrase este sábado desde á tarde con baile e pasaxe do terror no castelo.

A XV edición da “Noite Meiga” celebrarase o día 31 de outubro en Ribadavia. Á súa presentación acudiu o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e as representantes da asociación Ribadavia Activa-T, Pilar Selas Chao e Alba González. Rosendo Fernández destacou durante o acto, que este iniciativa cultural ten como obxectivo “pór en valor a tradición ancestral celta do Samaín, é unha boa mostra da capacidade de superación e innovación que, ano tras ano, amosa o colectivo Ribadavia Activa-T na organización desta festa”.

A Deputación de Ourense colabora con esta actividade cultural pois, tal e como afirmou Rosendo Fernández, “estamos sempre ao carón das iniciativas que parten da cidadanía e que se esforzan en crear contido cultural, por iso entendemos que iniciativas como a “Noite Meiga” contribúen a dinamizar a actividade cultural da provincia”.

A programación comeza ás 17.00 horas cun baile de feiticeiros dirixido aos máis cativos  e as actividades continúan durante o resto da tarde para todas as idades. Dende as 22.00 ata as 01.00 horas, os asistentes poderán participar en grupos de 14 persoas no pasaxe do terror no castelo da vila, “unha das actividades estrela da programación”, afirmou Pilar Selas, e engadiu, “paralelamente, haberá actuacións de diferentes grupos musicais para que todo o pobo estea vivo e cheo de festa”.

Outra das actividades programadas é o esconxuro da queimada que este ano correrá a cargo de dous grupos teatrais da vila: Teatro do Vilar e Lajartas, na Praza Maior de Ribadavia.

Esta iniciativa cultural é “unha festa importante para hostalería e o comercio de Ribadavia xa que se activa con estas actividades”, asegurou Pilar Selas.