Haberá grandes mestres internacionais, entre eles Iván Salgado, que deu os seus primeiros pasos no xadrez no Torneo de Aninovo.

O Torneo Aninovo/ VI In Memoriam Manuel Villar chega á edición número 31 este Nadal reunindo nos locais da AVV Barrocás 220 participantes de todas as idades e procedentes de todas as partes do país e mesmo desde o prestixioso Clube de Xadrez do Porto. Será a partir deste sábado 26 de decembro e  até o 5 de xaneiro. Na presentación desta actividade, na que estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Mario Guede, a presidenta da AVV Barrocás, Nieves Díaz, e Elías González, director técnico do Torneo, o alcalde de Ourense quixo manifestar o seu apoio expreso “a este tipo de iniciativas con especial dedicación para os máis pequenos, porque se hai canteira, hai futuro”, dixo.

O sábado 26 ás 11.30 comezarán as partidas da categoría Pre-benxamín (menos de 8 anos), mentres que os Benxamíns (ata 10) disputarán as súas 6 partidas a partir das 16.00 horas do mesmo sábado. O domingo 27 serán os Alevíns os que ocuparán as salas de xogo ás 11.30 horas. Por razóns de aforo, pero tamén por comodidade dos participantes, a resolución do podio, a entrega de trofeos e agasallos nestas 3 categorías terá lugar inmediatamente ao remate das partidas.

O domingo 27 ás 17:00 horas comezará o torneo para as categorías Infantil, Cadete, Xuvenil e Absoluta co saque de honra a cargo do concelleiro de Deportes, Mario Guede, e prolongaranse durante 7 xornadas (do 27 de decembro até o 5 de xaneiro). Nesta categoría absoluta, explicou Elías González, hai confirmados polo de agora 65 participantes, 40 deles de ránking internacional, entre os que se atopa o ourensán Iván Salgado, hoxe residente en Bulgaria e dedicado profesionalmente a este deporte, pero que deu os seus primeiros pasos precisamente neste torneo.

A propia Coral de Barrocás participará nesta festa de clausura, e dará paso á entrega do VI trofeo honorífico “Manuel Villar”, que foi concibido para recoñecer o mérito e o esforzo, individual ou colectivo, para a consecución de obxectivos que trascenden o beneficio persoal.