Suma 57 delegados electos na Administración Local, fronte aos 19 de CCOO e os 15 de UGT.

 

A CIG ven de acadar uns resultados históricos na Administración Local na provincia, gañando as eleccións sindicais con ampla maioría. Logra, así, o 44,53%  da representación sindical  con 57 delegados electos, máis do dobre da representación acadada polos outros sindicatos como UGT (cun 11,19% dos votos e 15 delegados)  e CCOO (cun 14,17% e 19 delegados).

Dende a CIG, destacan principalmente as maiorías absolutas logradas en vilas como Xinzo de Limia, Verín, Allariz, Maceda e Manzaneda e os importantes resultados conseguidos no Barco, Carballiño e Ribadavia.

“Histórica é tamén a representación acadada na Deputación, onde se volve a demostrar que o sindicalismo de clase, nacionalista e reivindicativo volve a ter representación en ámbitos dominados polo sindicalismo amarelo promovido polo actual goberno provincial do partido popular”, resalta o líder provincial da CIG, Etelvino Blanco. Quen insiste no compromiso da súa organización sindical “coa defensa dos dereitos dos traballadores e dos servizos públicos, universais e de calidade”.