Alfonso Rueda visita Protección Civil Pereiro

O vicepresidente fixo entrega dun dun vehículo todoterreo e un equipo de excarceración, cun investimento de máis de 75.000 euros.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,  visitou o Grupo de Emerxencias Supramunicipais do Pereiro de Aguiar, en Ourense, e fixo entrega dun equipo de excarceración e un vehículo todoterreo, que reforzarán a atención das emerxencias neste concello ourensán.

Alfonso Rueda acudiu á sede deste GES acompañado polo alcalde da localidade, Eliseo Fernández, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

O vicepresidente destacou a aposta da Xunta polo reforzo das emerxencias en Galicia, como amosa a recente autorización por parte do Executivo galego da renovación do convenio dos GES ata o ano 2018.

A renovación deste compromiso cos 24 grupos operativos en Galicia conta cun investimento de máis de 22 millóns de euros, achegados pola Xunta, as catro deputacións provinciais e os concellos. Ademais da garantía de continuidade ao importante labor que veñen desenvolvendo nos últimos anos preto de 300 profesionais.

O goberno galego traballa coa finalidade de que as emerxencias se atendan coas mesmas garantías de eficacia e eficiencia, independentemente do lugar onde se produzan. Para iso é necesario incrementar e mellorar a dotación de recursos destinados a este fin, tal e como se fixo esta mañá en Pereiro de Aguiar.

O equipo de excarceración e o vehículo todoterreo que se lle entregou aos GES supoñen un investimento de máis de 75.000 euros e un importante reforzo do grado de seguridade dos cidadáns. As novas dotacións complementan a entrega xa realizada dun remolque de emerxencias este mesmo ano 2015.

Rueda tamén quixo salientar o traballo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil no concello de Pereiro de Aguiar, que conta con 24 efectivos.