Debeuse a causas naturais, segundo constataron técnicos municipais. A empresa concesionaria de Limpeza, Ecourense, farase cargo da xestión do cadáver, que será incinerado.

 

Un dos dous pavos reais que vivían no Xardín do Posío (o de raza blanca ou albina) faleceu este luns por causas naturais, segundo constataron os técnicos municipais. A ave, que tiña máis de 20 anos de idade, xa presentara nos últimos días signos de debilidade propios da súa senectude, sen ganas de comer, tal e como comprobaron os responsables municipais do seu coidado.

Logo de practicarlle as pertinentes probas para descartar o seu falecemento por algunha enfermidade que puidese contaxiar ao resto de fauna que habita no Xardín do Posío  (outro pavo real azul, un cisne, ocas e patos salvaxes), dende a Concellería de Medio Ambiente procedeuse a dar de baixa ao animal do Inventario Municipal e activouse o protocolo para o tratamento do cadáver, que xestiona a empresa concesionaria de Limpeza, Ecourense. O cadáver do pavo real blanco será incinerado.

O concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, lamenta a perda dun dos símbolos máis queridos do Xardín do Posío e recalca que dende o Concello de Ourense “poremos en marcha un plan municipal para a compra e reposición de animais pertencentes ao Inventario Municipal, como é o caso dos pavos reais do Xardín do Posío”.