O alcalde, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, mantiveron esta mañá un encontro con representantes da Federación Veciñal Limiar para analizar os puntos programáticos de carácter xeral do planeamento.

 

O Goberno Municipal de Ourense mantén a rolda de contactos para explicar as liñas nas que se baseará o futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal a todos aqueles colectivos e entidades interesados en coñecer polo miúdo os traballos que se están levando a cabo co equipo redactor.

Estes encontros suceden así ás reunións periódicas, de carácter técnico, que se mantiveron cos representantes municipais e cos técnicos do Concello e redactores do PXOM.

Na reunión deste martes, á que asistiron o alcalde, Jesús Vázquez, e o concelleiro José Cudeiro, serviu para explicarlles aos representantes da Federación Veciñal Limiar os puntos programáticos de carácter xeral entregados previamente aos grupos políticos para  seu análise, incidindo principalmente nos temas que afectan á delimitación dos núcleos rurais e os solos periurnos da cidade. Tamén se lles deu conta dos temas informativos tratados na Comisión creada sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal e na que interveñen todos os grupos políticos. O rexedor calificou a reunión de “moi productiva”.

 

Valoración de Limiar

Pola súa banda, a Federación Limiar expuxo determinadas cuestións que preocupan a veciños de diferentes zonas da cidade, principais motivos das máis das 5.600 alegacións que se presentaron no seu día ao documento.

“Existen pisos cuxos propietarios están pagando hipoteca e que pertencen a edificios que o plan deixa fora de ordenación. E algo parecido ocorre nos núcleos rurais que aparte de quedar desprotexidos algúns xa existentes o novo plan non permite a súa ampliación, non permite creación de outros novos e limita moi estritamente este tipo de solo”, explicaron dende a Federación nun comunicado.

Así mesmo, piden que se hormonicen “zonas de nova construción lindeiras con casas antigas, tratando de unificar o aproveitamento das antigas en unidades de actuación para que toda a zona sexa de construción moderna”, como acontece na futura urbanización da finca Mariñamansa, a estrada de Rairo ou o barrio de Peliquín, entre outros.

E tamén demandan aparcamentos públicos soterrados para barrios como o da Ponte, Couto, San Francisco, Xardín do Posío ou Lagoas, “parece como se solo o centro da cidade contase con preferencia; polo que consideramos un menosprezo e unha desatención aos demais cidadáns”, reclaman.

Así, piden consenso entre as forzas políticas para axilizar o PXOM.