A rexedora en funcións afirma que con esta iniciativa ““só procuro atopar a estabilidade necesaria para o bo goberno do Concello”.

A alcaldesa en funcións de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade Rúa, ven de presentar un escrito no rexistro do Concello no que solicita á secretaria municipal que lle informe sobre o procedemento a seguir para aclarar a situación na que se atopa na actualidade o goberno local. No escrito pide tamén información sobre a estimación ou desestimación do recurso de reposición interposto este 30 de decembro por catro concelleiros  sobre o acordo polo que se elixiu a alcaldesa. Nun terceiro punto, Morgade Rúa pide á secretaria que indique se se debería aprazar o pleno previsto para o próximo 7 de xaneiro ata que a actual situación quede totalmente aclarada.

Asunción Morgade manifestou que con esta iniciativa “só procuro atopar a estabilidade necesaria para o bo goberno do Concello e garantir o normal desenvolvemento da xestión municipal, pensando no ben dos veciños”.