O Goberno local celebrou unha sesión extraordinaria e urxente para aprobar seis actuacións.

O Concello de Ourense despide 2015 aprobando a adxudicación de seis obras na cidade, entre elas a tan agardada reurbanización da rúa Concello. O Goberno municipal celebrou este 31 de decembro unha sesión extraordinaria e urxente para adxudicar obras por importe de case 900.000 euros.

As obras adxudicadas son a instalación eléctrica de baixa tensión para videovixilancia no polígono empresarial de Seixalbo, á empresa Galega de Enxeñería e Instalacións SL, por un importe de 72.765 euros; o asfaltado da rúa Capela, Pazo e Canedo no núcleo de Eirasvedras a Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales SL por 61.470 euros; a rehabilitacíon da pasarela peonil sobre o Barbaña a Inlastime SL por 73.966 euros; a rehabilitación do firme na rúa Mercado a Construcciones Orega SL por 76.133 euros; a urbanización da rúa Concello á UTE Proyecón Galicia SA-Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa SL, por un importe de 506.850 euros; e finalmente o sanemaneto da Besada, en Santa Mariña, a Construcciones y Promociones CruzVal SL por 95.022 euros.

O alcalde, Jesús Vázquez, sinalou que «acabamos de ter, pois, unha das XGL máis importantes de todo o ano, pois conseguimos salvar in extremis importantísimas actuacións contempladas dentro do
Plan de Investimentos. Lembramos que o pasado 15 de outubro asinamos un acordo coa Deputacion de Ourense para poder salvar estas obras mediante o cofinanciamento, tendo en conta que sen esta posibilidade, as obras terían que estar rematadas a día de hoxe. Co acordo que adoptamos en outubro, a condición era que as obras tiñan que estar adxudicadas a día de hoxe, como ao final conseguimos».

«Non foi doado acelerar unhs trámites que estaban totalmente paralizados cando chegamos ao goberno. As obras desta envergadura precisan de moitos meses de traballo na súa tramitación. Tivemos que
comezar de cero, prácticamente. Por iso quero reiterar, unha vez máis, o intenso traballo que levaron a cabo os funcionarios deste Concello. A todos eles, toda a miña gratitude, as miñas máis sinceiras grazas en nome de Ourense», concluiu o rexedor.