Los Suaves

A proxección será este luns, 4 de xaneiro, ás 20.00 horas.

O Espazo Lusquiños da Mocidade (situado na avenida de Marín) acolle este luns a proxección do documental «Viaje al fin de la noche». Este traballo, dirixido por Raúl García, está baseado na mítica banda ourensá Los Suaves, sobre todo na «Gira de los Mil Conciertos» e o concerto especial «Los Suaves – La Reunión», onde participaron antigos compoñentes do grupo. Neste traballo, son os propios Suaves, acompañados de numerosos seguidores e seguidoras, amigos e amigas, os protagonistas dun documento único.

Trátase, pois dunha oportunidade especial para que os fans de «Los Suaves» e da música rock en xeral se acheguen ao Espazo Lusquiños, onde se producirá un aliciente máis: a presenza de membros da mítica banda ourensá na proxección, coa posibilidade de realizar un coloquio posterior sobre a historia dunha banda que levou sempre o nome de Ourense polo mundo adiante.

Esta iniciativa novedosa non é casual no Espazo Lusquiños, unha infraestrutura municipal que está a se consolidar como un lugar de ocio de referencia para a mocidade ourensá. Concertos, campionatos e actividades solidarias, charlas, conferencias, obradoiros e xogos compoñen a actividade diaria neste espazo adicado aos xóvenes ourensáns, onde hai cabida para que os novos talentos musicais de Ourense ensaien.

Segundo explica a concelleira de Xuventude, Sofía Godoy «a nosa idea é fomentar un ocio responsable entre a mocidade ourensá, dándolles alternativas e todos os medios ao alcance da Administración Municipal para que se divirtan, se relacionen, aprendan e adquiran inquedanzas que lles sirvan para enriquecerse como persoas».