Rei Melchor

As inclemencias metereolóxicas poden deslucir as cabalgatas de Reis. Algunhas localidades prevén cambios no percorrido en caso de fortes choivas.

As súas Maxestades os Reis de Oriente percorrerán Ourense na tarde do martes 5 de xaneiro, enchendo de ilusión a nenos e nenas de toda a provincia.

Á estación Empalme da capital ourensá chegarán Melchor, Gaspar e Baltasar ás 18 horas, para, apenas uns minutos despois, dar a saída dunha das cabalgatas máis numerosas dos últimos anos na cidade. Serán preto de 400 as persoas que formen parte da comitiva real entre grupos de teatro, danza e música. A Real Banda de Gaitas de Ourense será a encargada de abrir un desfile que rematará, como vén sendo habitual, na praza Maior de Ourense, e que este ano terá como testemuña as cámaras da televisión galega.

O séquito real estará composto por 22 animacións nas que non faltarán personaxes tradicionais de Ourense mesturados con recreacións de fantasía e maxia. Logo da Real Banda de Gaitas, desfilará o camión antigo dos Bombeiros de Ourense, os trens termais e un camión da TVG cos personaxes dos debuxos animados. A luz do Nadal chegará da man dunha estrela xigante á que acompañarán zancudos, fadas e estrelas humanas e, tras eles, a Cociña Real interpretada polo grupo de teatro Trécola de Ourense. Tras eles, leiteiras, Carrabouxos, un camión cargado de agasallos e, ocupando a primeira carroza das cinco que haberá no desfile, os carteiros reais.

Unha bola xigante anunciará a presenza dos tres reis: o primeiro deles, Melchor, acompañado por fadas; de seguido, Gaspar e o seu séquito de seres máxicos do bosque; finalmente, a de Baltasar, cunha alegoría da Xuventude e da maxia. A última carroza da cabalgata virá cargada de xoguetes e de animación musical.

Para recibir a cabalgata real, haberá un coro de música negra na praza Maior interpretando temas de soul, gospel rythm ¬ blues e reggae dirixido pola artista viguesa Wöyza. Coa música deste coro, os Reis farán a ofrenda ao neno e subirán ao balcón do Concello para saudar a todos os presentes.

No percorrido da cabalgata repartiranse un total de 3.000 quilos de caramelos.

Dispositivo da Policía Local

Desde o Concello recoméndase a todos os condutores que teñan paciencia debido aos cortes de tráfico, que no barrio da Ponte comezarán unha hora antes da saída da cabalgata, e que no caso da rúa Progreso afectará ata a zona do Xardín do Posío.

A Policía Local recomenda empregar a estrada de Monforte para o tráfico que veña desde a N-525 ou a N-120, así coma a ponte Nova para acceder ao centro desde o barrio da Ponte. No resto da cidade, deberá evitarse circular desde o Xardín do Posío en sentido centro ou acceder á rúa Progreso desde o Pavillón dos Remedios, avenida da Habana, rúa Sáenz Díez, Xoán XXIII ou Parada Justel. Os itinerarios son alternativos son amplos: polos barrios de San Francisco, O Couto, ou centro vía rúa Curros Enríquez.

{source}
smartslider3[1]
{/source}

Nalgunhas localidades, coma Barbadás, os Reis Magos xa se adiantaron e fixeron a súa visita o pasado domingo. Tamén pasaron polo centro comercial Ponte Vella na tarde do luns, como testemuñan as imaxes da nosa galería.

Verín, posible suspensión

Melchor, Gaspar e Baltasar tamén visitarán a vila do Támega.  No caso de que as choivas sexan de carácter leve, o Concello de Verín manterá a cabalgata, que partirá ás 17 horas da Casa do Escudo. Polo contrario, se se confirma a chegada dun temporal con ventos e precipitacións fortes, a organización optará por suspender a cabalgata.

En calquera dos casos, manterase a apertura de portas do Pavillón Municipal de Deportes, ás 17:10 horas, para celebrar a tradicional Gala de Reis ás 18 horas.

Outras localidades

En Xinzo, a Cabalgata dos Reis Magos percorrerá as rúas a partir das 17 horas (se chove moito, suspenderase o percorrido e a comitiva irá directamente ao pavillón de deportes). En Celanova as Súas Maxestades visitarán a localidade a partir das 18 horas, con parada en primeiro lugar na residencia de maiores. Melchor, Gaspar e Baltasar atenderán as peticións dos cativos no claustro do Mosteiro. En Allariz as Súas Maxestades teñen previsto saír en cabalgata ás 18:30 horas. No caso de choiva, na vila alaricana suprimirase o paseo e a recepción dos Reis Magos será directamente no pavillón do instituto.

Ramirás

Tampouco as localidades pequenas quedarán sen a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.  En Ramirás comezarán visitando a residencia da terceira idade do Mosteiro; logo ás 17:30 h. acompañados da súa corte e garda persoal, farán a súa chegada nos coches oficiais ao Centro Cultural do Picouto onde saudarán aos cativos. Posteriormente a súa comitiva pasará por diferentes aldeas deste Val do Tuño. 

Durante todo o percorrido estarán acompañados polos músicos e cantareiras da Asociación Rebulir. Os membros deste colectivo, recuperarán un ano máis os cantos de reis que tradicionalmente se cantaban de casa en casa. Deste xeito, mozos e mozas percorrerán ata altas horas as casas das aldeas da zona cantando, tocando e pedindo o aguinaldo como se facía antano. 

Este ano haberá tamén durante a tarde teatro infantil da man de Produccións Dispersas e o seu espectáculo «O Souto dos Prodixios», ás 17 horas no Picouto.