Esta longametraxe documental de Arraianos Multimedia reflexiona sobre o rural a través da historia dun artesán, Toño do Val, quen posúe a mellor colección de cestería de España.

 

«Cesteando», documental de Plácido Romero, é o froito de décadas de investigación e supón un paso moi importante nunha das liñas de traballo de Arraianos Multimedia, a produtora desta longametraxe que propón unha reflexión contemporánea sobre o medio rural a través da historia dun artesán que vive nunha das zonas máis subdesenvolvidas de Galicia, cun estilo de vida alternativo nunha pequena aldea do Leboreiro. 

Coa estrea deste documental, candidato aos Premios Mestre Mateo, Arraianos  afonda na liña de traballo principiada hai anos coa celebración do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, a produción de documentais como “Traballo Animal” ou a realización de proxectos culturais vencellados co mundo rural. O documental “Cesteando” de Plácido Romero, que se estrea o venres 15 de xaneiro, ás 20:30 no Teatro Principal de Ourense, marca un novo fito nesta liña de traballo de repensar o futuro do rural dende unha perspectiva contemporánea.

Sen grandes teorías nin divagacións intelectuais, a historia de Toño, o “Cesteiro”, vainos permitir facer unha reflexión honesta e realista sobre o abandono que afecta a amplas zonas do territorio. A súa vida supón tamén o paso por unha etapa da historia do país chea de soños, desconcerto e frustración, mais que no seu caso fixo agromar unha toma de conciencia de defensa do medio rural. Mais o documental non esquece a dimensión humana, creativa e mesmo divertida e enxeñosa do protagonista, un artesán que adopta un modelo de vida alternativo, que como el mesmo recoñece, xeroulle enormes dificultades e privacións que foi vencendo a base de traballo e sacrificio.

Toño aprendeu os oficios de labrego e de cesteiro ao longo da súa vida. Hoxe este home posúe a mellor colección de cestería de España. É un investigador, formador e erudito do tema e a súa sensibilidade á hora de explicar os usos, as formas, e as historias das súas obras e das que foi recollendo durante décadas, fan desta persoa alguén moi especial, que nos fai reflexionar sobre as nosas propias vidas, os nosos desexos e as nosas necesidades individuais e colectivas, e sobre o futuro do territorio.