Ademais incoarase expediente de honra a Marcos Valcárcel.

A actividade plenaria deste 2016 no Concello de Ourense comeza este venres 8 de xaneiro coa sesión ordinaria de xaneiro. Está previsto que se debatan oito mocións: dúas de Democracia Ourensana, tres socialistas e tres de Ourense en Común, máis alá das que poidan presentarse pola vía de urxencia. Na mesma sesión incoarase expediente de honra a favor do historiador Marcos Valcárcel, quen falecera fai cinco anos.

Na primeira das súas mocións, DO solicitará que o Goberno municipal facilite o acceso á práctica deportiva dos nenos en risco de exclusión social a través de bolsas municipais e prazas deportivas nos clubs exentas de cotas.

Ademais, o partido de Gonzalo Jácome debaterá en pleno a migración a software libre dos  postos e servizos informáticos existentes no consistorio ourensán.

Pola súa banda, o PSOE instará ao Goberno Municipal a elaborar un Plan Estratéxico Municipal para a chegada do AVE a Ourense, que unha vez redactado sexa trasladado aos axentes económicos e sociais a través da Comisión Municipal para a Integración do AVE (aínda sen constituir).

Asemade, os socialistas demandarán que o local da Unidade de Saúde Mental da Ponte sexa cedido para uso como anexo ao centro cívico do barrio.

Por último, tamén levan a debate a instalación, á maior brevidade, de redutores de velocidade na estrada da Granxa, para contrarrestar o incremento dos accidentes acontecidos nos últimos anos na zona.

Ourense en Común solicitará no pleno do venres tres mocións, entre elas a constitución dunha comisión informativa sobre as principais concesións municipais e a creación dun grupo de traballo que estude a posibilidade da súa recuperación. Propostas que no pasado foron apoiadas polos grupos municipais de Democracia Ourensana e Partido Popular.

Ademais, a “marea” ourensá presenta unha moción para que o Concello de Ourense avance cara á eficiencia enerxética mediante a contratación de enerxía limpa e renovable, e outra para redactar unha normativa específica que regule as actividades en rúa “protexendo a convivencia harmónica da veciñanza coa libre expresión artística”.

OUeC xa anunciou que apoiará as dúas propostas de DO, e que prestará un apoio con matices sobre a proposta para a estrada da Granxa dos socialistas. Ademais, emencdarán a moción do PSdeG-PSOE sobre o plan estratéxico do AVE e absteranse con respecto á cesión do local da unidade de saúde mental da Ponte para uso veciñal.