O Concello de Ourense vén de aprobar, en Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, o convenio de colaboración que subscribirá coa Deputación Provincial para a posta en marcha das estratexias de desenvolvemento urbano sostible na provincia.

Este plan, denominado “Estratexia Conecta Ourense” (ECOU), ten como principal obxectivo “crear e reforzar vínculos entre a capital e os municipios que a rodean co fin de artellar un espazo metropolitano máis dinámico que impulse o crecemento social e económico do conxunto da provincia”, en palabras do alcalde da cidade, Jesús Vázquez

Esta estratexia, impulsada pola Deputación, non establece tanto accións concretas coma un modelo de cidade, e vai dentro dun paquete de medidas que se lle solicitan ao Ministerio de Facenda, encargado de canalizar as axudas dos fondos europeos. “Trátase de abordar os problemas urbanos do área metropolitana relacionados, fundamentalmente, coa ausencia dunha verdadeira malla urbana que permita a comunicación fluída tanto no interior da cidade como entre esta e a súa contorna”, dixo o rexedor. Para logralo, a estratexia ECOU quere desenvolver a conexión da cidade e a súa contorna en tres dimensións: física, virtual e económico e social.

Aula de alimentación saudable

Na mesma Xunta de Goberno, o Goberno local acordou pór en marcha unha aula de saúde especialmente equipada para fomentar a alimentación saudable entre todo tipo de colectivos: mocidade, adultos, persoas maiores e infancia, con actividades dirixidas tanto a poboación en xeral como a asociacións e entidades do ámbito da saúde e o benestar social, entre outros colectivos, co obxectivo de facer de Ourense unha cidade máis saudable.

Con esta finalidade, a Xunta de Goberno Local aprobou un convenio de patrocinio para regular a colaboración entre a empresa COGASCA S.L. e o Concello de Ourense, para que este poda organizar estas actividades.  “COGASCA. My personal kitchen” patrocinará os cursos de cociña e outras actividades de fomento da alimentación saudable que desenvolva o Concello de Ourense. Para isto, a empresa instalará no local municipal sito na rúa Vasco da Ponte, 1, sen custo para o Concello, o equipamento necesario para o desenvolvemento destas actividades: cociña, campás de recirculación, forno, combi, microondas, módulos de inducción, menaxe de cociña, proxector, pantalla de televisión e mobiliario, valorados en máis de 15.000 euros.

As actividades relacionadas coa cociña, a alimentación, a vida saudable e a restauración son das máis demandadas por parte de veciños e veciñas da cidade que participan nos programas formativos que desenvolve o Concello, tanto desde un punto de vista de lecer como no relacionado coa inserción sociolaboral. Dispoñer dunha aula perfectamente acondicionada permitirá ao Concello fomentar estas actividades.