Marisol Díaz atendeu as principais necesidades deste colectivo e trasladoulle a total dispoñibilidade da Administración pública para “traballar na eliminación de barreiras de comunicación en todos os ámbitos”.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu hoxe no seu despacho á presidenta da Asociación provincial de persoas xordas, María Isabel Fernández Álvarez e ao secretario xeral da Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia, Diego Fernández Álvarez.

Na xuntanza a máxima representante do Goberno galego en Ourense atendeu as principais necesidades deste colectivo e trasladoulle a total dispoñibilidade da Administración pública para “traballar na eliminación de barreiras de comunicación en todos os ámbitos nos que participan as persoas xordas para acadar a súa total accesibilidade e inclusión na sociedade”. Díaz Mouteira coñeceu as actividades que realiza a cotío esta asociación e que contribúen á integración educativa, sociolaboral e cultural das persoas xordas.