Estación Empalme

O Goberno galego abriu o concurso público para a redacción neste ano do proxecto básico e de execución da estación intermodal.

 

 

O Consello da Xunta coñeceu este venres un informe sobre o proxecto de integración da estación de autobuses de Ourense na terminal de ferrocarril, unha actuación que se estima que suporá un investimento de 3,4 millóns de euros. O Goberno galego está a impulsar a estación intermodal da cidade das Burgas e abriu o concurso público para a redacción do proxecto construtivo da nova terminal de autobuses, que se redactará este ano.

A licitación do proxecto básico e de execución da estación de autobuses integrada na estación de ferrocarril de Ourense abriuse cun importe de preto de 148.000 euros e un prazo de tres meses para o proxecto básico e de seis meses para o total do proxecto construtivo, contando desde a sinatura do contrato.

O proxecto de intermodal para Ourense supón achegar a estación de autobuses a un lugar máis céntrico e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte. As actuacións integrais no eido da intermodalidade inclúen actuacións de adaptación de plataformas e de conexión entre barrios a ambos os lados das vías ferroviarias por parte do Adif.

A nova de estación de autobuses situaríase xunto á estación ferroviaria e detrás do centro de saúde. Segundo a análise dos estudos previos realizados pola Xunta de Galicia para avanzar na estación intermodal, a terminal de autobuses deberá contar con 16 dársenas e outras 3 adicionais de regulación. Ademais, construirase un edificio terminal duns 430 m2 e a superficie total chegará a 5.800 m2. Tanto a terminal como as dársenas contruiríanse ao nivel da rúa.

A Xunta prevé, así mesmo, a execución dun aparcadoiro en superficie, que contará con 241 prazas, 16 delas para persoas con mobilidade reducida.

Coordinación de actuacións

Para avanzar no desenvolvemento desta infraestrutura de forma coordinada coas outras administracións implicadas, a Xunta remitiulles a Adif e ao Concello de Ourense un borrador de convenio para concretar as actuacións que debe asumir cada institución no ámbito da súa competencia.

Segundo o dito convenio, por unha parte, a Xunta de Galicia deberá redactar en 2016 o proxecto básico e de execución, incluíndo a reposición en superficie do aparcadoiro de turismos. Tamén lle corresponderá executar e financiar con cargo as obras da nova estación, incluíndo o aparcadoiro en superficie.

Por outra parte, Adif deberá redactar os proxectos básicos e de execución na estación de ferrocarril para adaptala aos servizos de alta velocidade e para as actuacións de mellora da conectividade dos barrios a ambos os lados das vías. Ademais, terá que executar e financiar as obras correspondentes a ambas as actuacións e cederlle á Xunta de Galicia a titularidade dos terreos necesarios para a construción da nova estación.

O Concello de Ourense encargarase de promover as modificacións necesarias no ordenamento urbanístico, así como de ceder á Xunta os terreos necesarios para a execución da estación de autobuses. Tamén lle corresponderá realizar as actuacións necesarias de regulación semafórica e instalación de novos semáforos para a entrada e saída segura dos autobuses.