O goberno municipal encargou a realización de inspeccións periódicas aos técnicos municipais para detectar as infraccións, que darán lugar a sancións que parten dos 300 euros.

 

 

O Concello de Ourense exercerá un maior control sobre a proliferación de cartelería ilegal na cidade a través de labores de inspección e sanción ás entidades e empresas que vulneren a normativa municipal cos seus carteles publicitarios. Así, encargou ao Departamento de Disciplina Urbanística que active un plan de inspeccións nos diferentes barrios da cidade, destinadas a detectar estas prácticas ilegais e iniciar os correspondentes expedientes sancionadores.

Estes días foi completado o primeiro dos informes de inspección, no que se dá conta de 25 casos de incumprimento da ordenanza municipal en materia de publicidade exterior en distintos puntos da cidade.

Entre eles atópanse a actividades organizadas por salas de concertos, festas de Fin de Ano, obras de teatro, congresos e exposicións, servizos e actividades organizados por un centro de naturopatía, axencias de viaxes, actividades deportivas e unha manifestación. Tamén se encontran actividades culturais nas que participa ou colabora propio Concello, polo que tamén se abrirá expediente municipal para evitar que estes casos se repitan.

A normativa conta cun apartado sancionador que prevé a imposición de multas aos infractores, cuxo importe dependerá do dano producido, comezando con sancións de ata 300 euros por infracción leve.

A estas primeiras actas seguirán novas inspeccións polas diferentes rúas da cidade, para dar continuidade a esta iniciativa fronte á cartelería ilegal.

Espazos alternativos
O goberno municipal está a estudar a posibilidade de determinar puntos informativos na rúa onde se podan emprazar elementos divulgativos en lugares moi concretos da cidade, onde non se ocasione ningún tipo de perxuízo á protección e respecto aos elementos patrimoniais.