Pleno xaneiro Ourense

O Concello de Ourense celebrou a primeira sesión plenaria ordinaria de 2016 este venres 8 de xaneiro aprobando seis das oito mocións que se debatían (e parte dunha sétima).

Iso si, a unanimidade só se deu no primeiro punto do debate, que correspondía á decisión de incoar un expediente de honra para o historiador Marcos Valcárcel.

Por certo que as referencias á ex concelleira Áurea Soto, que vén de ser absolta no caso da praza de San Antonio, foron constantes ao longo da sesión por parte dos seus compañeiros do grupo socialista.

No que se refire ás mocións, voltou haber sintonía entre Democracia Ourensana e PSOE. Así, os socialistas apoiaron as propostas de DO para integrar os menores en risco de exclusión social nos servizos de deportes e para que a Administración local empregue software libre. Os de Jácome deron o seu voto á moción socialista para instalar redutores de velocidade na estrada da Granxa para evitar accidentes, que tamén apoiou o PP (Ourense en Común abstívose). Tamén votaron a favor da proposta socialista para elaborar un plan estratéxico sobre a chegada da alta velocidade a Ourense (o PP tamén sumou o seu apoio, OUeC votou en contra). E da iniciativa para ceder para uso veciñal o local da unidade de saúde mental que quedou baleiro na Ponte (de novo co voto favorable dos populares e a abstención da “marea”).

No que se refire ás mocións que presentaba OUeC, quedou aprobada a que solicita unha normativa que regule as actividades na vía pública como a dos músicos de rúa. Contou co apoio de socialistas e populares, mais coa oposición de DO.

Peor sorte correu a súa proposta para crear unha comisión informativa que estude as concesións municipais, pois non conseguiu o apoio de ningún dos outros grupos. De feito, tanto PP como PSOE insistiron en que no Concello de Ourense “nin houbo nin hai atisbos de corrupción” , en palabras do voceiro socialista José Ángel Vázquez Barquero.

No que se refire á ultima moción da mañá, a de Ourense en Común sobre a enerxía, conseguiu os votos de PP e PSOE nos puntos 2 e 3, que se referían á implantación de medidas de aforro enerxético nas dependencias municipais e apoio á execución de proxectos xeotérmicos e solares. Foi rexeitado polos mesmo partidos o punto 1, que demandaba que o Concello se asociase á cooperativa Nosa Enerxía.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos e preguntas,  Martiño Xosé Vázquez , de OUeC, preguntou pola tala de varias árbores no Posío. O concelleiro responsable, Pepe Araújo, respostou que se fixeron atendendo o criterio dos técnicos por motivos de seguridade ou saúde dos exemplares.

A socialista Concepción García quixo saber en que estado se atopaba a petición para usar como local veciñal en Reza dun dos edificios que quedarán sen uso da antiga depuradora. O alcalde respostou que está pendente de convocar unha comisión na que analizar este asunto pero que desde a administración responsable se accedera xa a deixar fóra da demolición da EDAR esa instalación.

Ademais, a concelleira de DO Laura Nóvoa rogou que se atendese a queixa dos veciños de Rairo polo mal estado das beirarrúas nesta zona da cidade.