Novo equipo directivo do CHUO

Nomea un novo director de Procesos Asistenciais e realiza cambios nas direccións dos hospitais de Verín e de Valdeorras.

 

A Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de acometer unha reorganización do seu equipo directivo. A Xerencia xustifica os cambios para reforzar esta área de cara ao reto que plantexa a apertura, este ano, do novo Edificio de Hospitalización e a coordinación e potenciación dos Servizos Médicos e Urxencias.

A principal novidade é a incorporación ao equipo directivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, como novo director de Procesos Asistenciais de Antonio Alvarez García, quen substitúe no cargo a Ciro Cabezas Checchi.

Álvarez García, doutor en Medicina pola Universidade de Oviedo e Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, ten máis de 20 anos de experiencia no eido da xestión sanitaria e as urxencias, sectores nos que ocupou distintos postos de responsabilidade, a nivel asistencial e de xestión, nos servizos sanitarios de Madrid e de Asturias, de onde procede.

Cambio nos Hospitais de Valdeorras e Verín

Este cambio no equipo directivo vén acompañado cun cambio na organización da xestión dos dispositivos sanitarios públicos de Ourense. Dunha banda, a Dirección de Procesos Asistenciais centraliza a súa área de responsabilidade no CHUO, dando así unha maior capacidade e autonomía directiva aos responsables dos hospitais comarcais, permitindo que este posto directivo centre seus esforzos na área asistencial do hospital de referencia e primaria.

Ciro Cabezas pasa a asumir a Xerencia do Hospital Comarcal de Valdeorras, que xa viña coordinando, e asumirá o reto de potenciar as especialidades médico-cirúrxicas e súa coordinación coa Xerencia de Xestión Integrada, así como a posta en marcha de novas unidades, como hospitais de Día, potenciación da Hospitalización a Domicilio e extensión das Consultas de Alta Resolución.

Pola súa parte, a ata agora responsable do Hospital Comarcal de Valdeorras, Guillermina Agulla, retorna á Xerencia do Hospital de Verín, que ocupou entre os anos 2010 e 2013, substituindo a Antonia González Araujo, que cesa a petición propia para voltar ao seu traballo asistencial.