A oposición presenta cinco mocións para o seu debate.

O Concello de Barbadás celebra na tarde do luns 11 de xaneiro (a partir das 19 h) a primeira sesión plenaria de 2016. No pleno debatiranse cinco mocións, tres do PP e dúas do grupo mixto. Os populares presentan iniciativas sobre a problemática da asociación de xubilados e pensionistas Fonval, sobre as actividades realizadas polo Goberno local durante o Nadal e unha última para rebaixar os valores catastrais.

O grupo mixto leva a debate unha iniciativa para reclamar á Xunta que poña en funcionamento a cociña do colexio do Ruxidoiro. Segundo o edil de Compromiso por Barbadás Ramón Padrón, “o colexio do Ruxidoiro recibe o xantar dun catering privado, coa evidente perda de calidade no servizo, posto que de funcionar a cociña do propio centro o xantar serviríase recén cociñado, a dieta dos nenos e nenas sería máis equilibrada e saudable e poderíase controlar dende o concello a compra de produtos frescos e da zona”.

A outra moción de CxB propón medidas de apoio ás familias numerosas. Entre outras, «unha rebaixa do IBI de entre o 50 e o 90 por cento, descontos do mesmo tipo en tódalas taxas e prezos públicos municipais e que as subvencións e axudas ao comercio local inclúan condicionantes relativos a descontos para estas familias”, explica Padrón nun comunicado.

Outros asuntos

Ademais, aprobaranse as tarifas de autotaxi para este 2016, e o novo padrón de habitantes, que con data 1 de xaneiro de 2015 sitúa a poboación de Barbadás en 10.463 persoas. Igualmente, preséntase para a súa aprobación definitiva o regulamento de utilización da Casa da Cultura e para aprobación inicial a ordenanza reguladora das axudas para a escolarizción de menores de 0 a 3 anos nas escolas infantís de Barbadás. Asemade, ratificarase un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, elixirase xuíz de paz, e aprobarase a declaración de servizos prioritarios e urxencia e necesidade para que o Concello poida contratar un administrativo para o Centro Empresarial Transfronteirizo e seis peóns para as brigadas municipais.