Programa de maiores de Cruz Vermella

Cruz Vermella recibirá máis de 675.000 euros, con cargo á asignación tributaria do IRPF, para continuar desenvolvendo na provincia de Ourense  proxectos sociais.

Durante o ano 2016 que acaba de comezar, as Asembleas de Cruz Vermella na provincia de Ourense  continuarán a traballar con distintos colectivos en situación de vulnerabilidade, ofrecendo dende a proximidade de cada asemblea comarcal unha resposta integral ás persoas que precisan apoio e orientación.

A previsión de Cruz Vermella é que, con este financiamento, poda atender a 7.325 persoas na provincia de Ourense dende os 24 proxectos financiados polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, grazas á colaboración de máis de 1.000 persoas voluntarias e 50 técnicos/as contratados/as.

Trátase de proxectos que reciben financiamento con cargo á asignación tributaria do IRPF, por un importe que ascende este ano a 675.860,48 euros.

Sendo Ourense a terceira provincia máis envellecida da Unión Europea, case o 68% deste importe destinarase a servizos para persoas maiores:  Teleasistencia, Axuda a Domicilio Complementaria, Apoio a Familias con persoas maiores ao seu cargo, Centro de Día, Envellecementos Saudable, etc.

As axudas a persoas en situación de necesidade e/ou afectadas pola crise constitúen tamén un dos colectivos prioritarios de atención para a Institución, e preto de 50.000 euros desta subvención, destinaranse a estes proxectos.  

No ámbito da saúde, 38.802 euros serán para proxectos relacionados co VIH e Drogodependencias.

Cruz Vermella Xuventude percibe 34.000 euros para a realización de proxectos de prevención de condutas violentas e educación para a saúde; e 7.800 euros destinaranse á sensibilización, captación e formación do voluntariado.

Dous dos proxectos, Atención a persoas sen fogar (Sen teito) e Familias Acolledoras, contan co financiamento da Xunta de Galicia, a través de sendos convenios.

Por último, intervencións relacionadas coa atención a persoas inmigrantes, a mulleres en situación de dificultade e co plan de emprego completan o abano de actividades realizadas por Cruz Vermella co apoio económico deste Ministerio.

Este financiamento constitúe a partida máis importante dos orzamentos da institución, que, para o desenvolvemento total do seu labor, se complementan con fondos propios e outras achegas para proxectos concretos.