Os socialistas lembran que foi acordada fai dous meses.

O pasado 6 de novembro a corporación municipal ourensá acordou por unanimidade a  creación “de xeito inmediato” (segundo especificaba a moción presentada por PSOE e DO) dunha comisión de investigación sobre a xestión do goberno municipal trala aparición de dous traballadores infectados por lexionella na empresa concesionaria de limpeza.

Pasados máis de dous meses sen que fose creada os socialistas aseguran que é mostra “da falta de interese e incapacidade dos membros do goberno municipal”. O voceiro do PSOE, José Ángel Vázque Barquero, afirma que “é sorprendente que o concelleiro de Limpeza afirme a semana pasada que procederá á constitución da comisión de investigación unha vez finalice o proceso administrativo que foi aberto despois de coñecerse a situación, cando o acordo esixía a súa creación inmediata fai dous meses”.

 

Outros acordos pendentes

Barquero reiterou tamén a falta de axilidade do PP na creación da comisión municipal de impulso e seguimento do proxecto de integración urbana do AVE, presidida polo alcalde e integrada por representantes dos demais partidos presentes na corporación, así como axentes sociais e económicos da cidade-, e agardan o cronograma completo de actuacións para a execución do proxecto integral de rehabilitación da Praza de Abastos e o seu entorno, ambos pendentes dende o seu acordo no pleno de agosto.

“Sen esquecernos de que os populares aínda non adoptaron as medidas oportunas para a continuación do paseo das marxes do Río Barbaña no tramo que transcorre nas proximidades das Burgas”, así como “a substitución do novo proxecto da Sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil en Ourense polo anteproxecto gañador do concurso de ideas de 2012”, lembran dende o PSOE.