Sétimo Observatorio Económico da provincia

Dáse a coñecer a sétima edición do Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense.

 

A Deputación de Ourense vén de presentar o sétimo informe do seu Observatorio Económico, que nesta ocasión retrata, comarca a comarca e concello a concello, a relación existente entre os dous colectivos que sustentan o PIB e a renda das familias: os traballadores activos e os pensionistas.  Dos datos dedúcese unha realidade: as pensións seguen a ser a principal fonte de ingresos na nosa provincia. De feito, en 11 das 12 comarcas e en 79 dos 92 municipios ourensáns, o censo dos perceptores de pensións contributivas é maior que o dos traballadores afiliados á Seguridade Social.

Con todo, un dato para o optimismo: a proporción de activos sobre pensionistas leva mellorando na provincia desde comezos de 2014. Iso si, en 2015 a evolución positiva das afiliacións foi máis feble que un ano antes: só un 0,34% máis fronte ao 1,14% do período anterior. “Iso xa dá idea de cómo se está dando ese proceso de ralentización que no fondo se enmarca nunha realidade económica global de incerteza”, apuntaba o profesor universitario Andrés Mazaira, autor do estudo.

Mazaira resaltaba que é na taxa da actividade onde está o cabalo de batalla da economía ourensá. “Temos que pensar no horizonte 2020, o obxectivo de taxa de actividade que se marca a UE é polo menos do 74%, a realidade é que temos unha taxa de actividade que queda case 20 puntos por debaixo da que temos que ter, e iso é no que temos que traballar”, apuntou.

Valoración política

A valoración política que facía o presidente da Deputación  de Ourense era algo máis optimista.  Manuel Baltar recalcaba que “levamos tres semestres consecutivos recuperando (o crecemento neto do emprego), é dicir, estamos nunha fase na que se pode falar de recuperación, de estabilidade, de fornecemento, creo que o escenario é un escenario válido para poder programar”.  

Baltar ve o Observatorio Económico “como unha ferramenta de traballo moi importante para adoptar decisións públicas”;  do contido deste último informe deduce que segue a ser un obxectivo principal “incrementar as afiliacións á Seguridade Social”, así como “o reimpulso do medio rural” que é “unha obviedade na que a Deputación está comprometida”.

Asemade, o político volveu centrar a súa análise no “reto” demográfico. Baltar dixo que é preciso “cambiar a visión fatalista en canto ao envellecemento da poboación, cambiar o chip e velo como unha cuestión positiva,  e despois entre todo sexamos capaces de poñer en marchas decisións públicas que fagan  que a demografía non sexa unha preocupación”. Nesa liña, apuntou ao Plan de Apio á natalidade que vai pór en marcha a institución provincial este ano.

As pensións máis baixas

Andrés Mazaira tamén explicou que a nómina total de pensións percibidas por ourensáns –con datos de 2014- sitúase próxima aos mil millóns de euros, representando o 12,7% da totalidade da nómina galega. Ao mesmo tempo, a poboación ourensá maior de 65 anos representa dous puntos máis no conxunto da comunidade. Un dato que se xustifica, analizaba o profesor, no feito de que o importe medio da pensión ourensá é máis baixo que o galego; “isto ten moito que ver coa pensión da muller, temos que prestarlle moita atención á problemática da muller”, recalcaba o experto.  

O documento foi presentado polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e máis o autor do estudio, o profesor universitario Andrés Mazaira. Entre o público congregado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e numerosos alcaldes da provincia, a maioría do PP, e tamén un socialista, Luis Milia, de Carballeda de Avia, e outro nacionalista, Xaime Iglesias, de Baños de Molgas.