Neste centro realizaranse as diferentes actividades do procesado do mel, dende a receptción ata o envasado e etiquetado.

 

O alcalde da Veiga, Juan Anta, presentoulle á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, un proxecto de creación dunha industria de extracción e envasado de mel neste concello. O rexedor municipal e a titular de Medio Rural mantiveron un encontro de traballo en Santiago que estivo centrado nesta iniciativa, promovida polo Concello, e que a conselleira comprometeuse a estudar, para ver as posibilidades de colaboración e apoio por parte do Goberno galego.

Tal como lle explicou o alcalde á conselleira, a apicultura constitúe unha actividade fundamental para os veciños da Veiga, onde existe un amplo sector de poboación que se dedica a esta actividade, de xeito artesanal. O obxectivo é xerar emprego local, crear unha marca diferenciada para o mel, darlle valor engadido e maior rendibilidade ao produto, fomentar o asociacionismo local e dotar a esta actividade dunhas instalacións propias e modernas.

Neste centro levaríanse a cabo diferentes actividades relacionadas co procesado do mel, dende a súa recepción, pesado e almacenamento ata a toma de mostraxes e realización de análises do produto, pasando pola súa descristalización, decantación, envasado e etiquetado.