Campaña de compostaxe da Deputación

“Ourense Composta” ten como obxectivo a divulgación e sensibilización da poboación sobre a separación en orixe e reutilización da materia orgánica.

 

A Deputación de Ourense xunto con Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente), vé de comezar a unha nova campaña de Compostaxe Doméstica nos cincuenta concellos da provincia de Ourense que teñen a súas competencias delegadas na Deputación: Amoeiro, Avión, Baltar, Bande, Beariz, Boborás, A Bola, Os Blancos, Calvos de Randín, O Carballiño, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Coles, Entrimo, A Gudiña, O Irixo, Larouco, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Montederramo, Muíños, Padrenda, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Petín, Pobra de Trives, Porqueira, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

A campaña dará comezo o vindeiro día 16 de xaneiro no Carballiño, onde se instalará unha carpa informativa na Praza Maior da vila para que todos os interesados poidan saber en qué consistirá dita campaña e inscribirse para participar na mesma.

Na presentación da campaña, o deputado responsable da área de Cooperación, Pablo Pérez, afirmou que o obxectivo desta campaña é “a divulgación e sensibilización da poboación sobre a separación en orixe e reutilización da materia orgánica, para acabar reducindo a bolsa negra que é un dos principais custes para os Concellos da recollida do lixo”.

Esta iniciativa dá continuidade as anteriores campañas que dende o ano 2010 vé promovendo a Deputación de Ourense, coa diferenza de que esta vez vai dirixida a todos os cidadáns dos 50 municipios que queiran participar, co único requisito de que non teñan formado parte das campañas anteriores e que residan nalgún dos municipios seleccionados.

Ademais do Carballiño, a carpa tamén visitará A Peroxa, Castro Caldelas, Viana do Bolo, A Rúa, Xinzo de Limia, Ribadavia, Bande e San Cibrao das Viñas. Deste xeito, 396 familias da provincia de Ourense poderán beneficiarse das vantaxes que presenta a compostaxe doméstica.

Entre as accións que se levarán a cabo na campaña, baixo a dirección e supervisión da Deputación de Ourense, figuran iniciativas de divulgación mediante o emprego de nove carpas de compostaxe, nas que os veciños e veciñas dos 50 concellos interesados en participar poderán inscribirse para formar parte da campaña; a formación dos participantes, que será de obrigada asistencia para todos aqueles veciños e veciñas que desexen participar; a entrega dos composteiros a cada un dos participantes porta a porta; a realización de mesas redondas abertas á poboación, para a posta en común da campaña e doutras experiencias similares, e o seguimento sobre a realización do compost polos participantes, distribuído en dúas visitas.