Mesa de traballo sobre seguridade vial

O Concello de Ourense e administracións con competencias en tráfico coordinan medidas para fomentar a seguridade viaria na cidade.

O Concello de Ourense e as administracións e institucións con competencias en materia de tráfico e seguridade cidadá están a coordinar medidas para fomentar a seguridade viaria na cidade.

Tal e como anunciara na véspera, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado polos concelleiros de Infraestruturas, José Araújo, Tráfico, Flora Moure, Educación, Belén Iglesias, e a intendente da Policía Local de Ourense, María Barrera, mantiveron este xoves unha xuntanza na Alcaldía co subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, representantes da Xunta de Galicia e o director xeral de Tráfico en Ourense, David Llorente. Nela analizaron a evolución da sinistralidade na cidade, con especial atención ao estudo, caso por caso, dos atropelos rexistrados ao longo do presente mes de xaneiro, e a viabilidade de diferentes propostas para fomentar a seguridade viaria.

A intendente da Policía Local, María Barrera, deu conta das estatísticas oficiais da Policía Local en materia de medidas de seguridade e sinistralidade na cidade. Estas poñen de manifesto que en 2015 produciuse un descenso do 13% no número de atropelos fronte a 2014 (55 fronte a 72), cifra que representa a máis baixa na cidade desde 2004. Un deles tivo como consecuencia unha vítima mortal. Os 55 accidentes producíronse en 47 vías distintas.

Tamén se repasaron caso por caso os atropelos producidos este ano 2016 (9 casos en 13 días) e as diferentes factores e casuísticas que neles concorreron.

A tipoloxía e a causalidade dos atropelos segue a ser moi semellante: o factor humano. Só 1 dos 55 casos rexistrados ten como causa un exceso de velocidade. A causa máis común (25 dos 55 casos) é non respectar a sinalización nin as prioridades de paso, tanto polos que conducen como polos que van a pé, así como ir distraído ao volante (13) ou cruzar fóra dos pasos habilitados para peóns (10).

No tocante ao erro humano, unha de cada catro veces é por causas imputables ao peón, mentres que no resto dos casos a culpa está no condutor. Por rangos de idade, os grupos de 41 a 60 (21) e os maiores de 60 (21) representan o 70 % dos atropelados, sendo a idade media das vítimas de atropelo os 50 anos. Por sexos, seis de cada dez son mulleres. En canto ao día da semana, o venres é o día máis perigoso, con 12 incidentes.

María Barrera expuxo na reunión datos relativos ao regulamento do tráfico e á súa sinalización. Así, relatou as ferramentas coas que se controlr o tráfico na cidade: unha vintena de zonas a 30, nalgúns casos limitadas a 20 km/h como a contorna universitaria ou o casco histórico;  29 zonas con sinais verticais fluorescentes co texto ‘zona escolar’;  58 bandas redutoras de velocidade; e sete pasos elevados para reducir a velocidade do tráfico. 

Medidas en análise

O Goberno municipal convocará en breve unha nova xuntanza da Mesa para a Mobilidade, á que trasladará medidas concretas a implementar na cidade, previos os estudios e informes técnicos oportunos.

Algunhas son propostas xa realizadas pola propia Policía Local en anos anteriores que aínda non se levaran a cabo, e outras son novas iniciativas a implementar, como o incremento da presenza policial nas rúas, con advertencias aos peóns para que non crucen a vía de xeito inaxeitado; a inclusión na próxima oferta de emprego público de novas prazas de axentes de Policía Local; ou o desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización destinadas a fomentar a seguridade viaria.

Tamén se valora unha dotación orzamentaria para a instalación de novos cruces semafóricos, pasos elevados, e bandas redutoras naquelas rúas inde a densidade de tráfico ou outras circunstancias o fan preciso; e un proxecto para instalar novos sistemas de control de velocidade, como un dispositivo de radares. O  estudo da eliminación de prazas de aparcamento na contorna dos pasos de peóns, de xeito que se poda mellorar a visibilidade dos mesmos por parte dos condutores é outra das propostas que se levará á Mesa da Mobilidade.

Na próxima xuntanza da Mesa da Mobilidade tamén se analizarán as diferentes alternativas que presenten os colectivos que nela participan, como a implantación de novas zonas a 30 ou o fomento do uso da bicicleta.

Valoración de OUeC

Tras coñecer o contido desta xuntanza, desde Ourense en Común valoraron a través das redes sociais que as medidas propostas polo Goberno municipal contra os atropelos «non afrontan o problema real, seguimos con parches».