O prego inclúe todo tipo de soportes publicitarios en vía pública: mupis, mupis dixitais, marquesiñas, reloxos-termómetro, así como a súa conservación e mantemento.

 

 

O Concello vén de aprobar, en Xunta de Goberno Local, o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a explotación publicitaria do mobiliario urbano na cidade de Ourense.

O período de concesión terá unha duración de catro anos, prorrogable por acordo entre as partes e ratificado pola Xunta de Goberno Local por dous anos máis, non podendo exceder en ningún caso o seis anos. Sinálase un canon mínimo a satisfacer polos licitadores de 83.958,73 euros por ano (69.387,38 euros de principal máis 14.571,35 euros de IVE).

No terreo de contratación, o Concello resolveu o contrato asinado coa empresa encargada adxudicataria do control, mantemento e explotación da área termal de Outariz e Burga de Canedo, incluíndo a explotación dun quiosco bar.

Finalmente, declarou deserto o procedemento aberto para a contratación do arrendamento para un inmoble para a cesión do seu uso á AVV O Barrio.

Espazo Lusquiños

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno local deu conta das actividades do Espazo Lusquiños, xestionado pola área de Xuventude e posto en marcha en maio de 2015.

Desde outubro, desenvolvéronse nel cursos de idiomas, fomento e empregabilidade, formación musical e obradoiros de diversa índole. A totalidade de participantes nestes cursos e talleres foi de 159 persoas. Igualmente, houbo outro tipo de actividades, como concertos, campionato de breakdance Cidade de Ourense, exposicións fotográficas, etc.

Entre as actividades de 2016 atopamos unha masterclass de Daniel Minimalia, ou a gravación dun CD recompilatorio -con 6 grupos dos que ensaian no Lusquiños, achegando cada un deles dous temas propios-.

Nos primeiros meses do ano elaborarase, igualmente, unha ‘Guía de Xóvenes Artistas’, web de referencia para que todas aquelas persoas que teñan unha inquedanza artística -música, arte urbana, literatura, pintura, audiovisuais, cinema, danza, escultura, banda deseñada…- poidan, a través deste recurso, facer visible o seu traballo.

Barrio da Ponte

Así mesmo, o rexedor anunciou que “estamos pendentes de trasladar, nas próximas datas, a Biblioteca Municipal e o seu espazo de animación á lectura, actualmente no Centro Cívico de A Ponte”.

A nova biblioteca contará con 8 ordenadores, 35 postos de lectura e un total de 21.482 títulos. Ademais, disporá dun espazo interior exclusivo para un programa de animación á lectura, actividade que se leva a cabo de luns a sábados. Fíxose un investimento en material de 21.000 euros.

Igualmente, o goberno municipal presentará en breve un programa de actividades para La Molinera.

Concurso para elixir o cartel do Entroido

A xunta de goberno local aprobou as bases dun concurso para seleccionar o cartel anunciador do entroido, cuxos actos centrais terán lugar do 5 ao 10 de febreiro.

O concurso estará dotado cun primeiro premio de 1.200 euros. As propostas serán valoradas por un xurado tendo en conta tres factores: adecuación á temática, orixinalidade e calidade artística. As bases do concurso publicaranse na páxina web do Concello e nos medios de comunicación e se abrirá un prazo de 10 días naturais para a presentación de propostas.