Máis de 14.000 contratos tiveron unha duración menor a unha semana.

A evolución da contratación durante o ano 2015 na provincia de Ourense pon de manifesto un alarmante aumento da precariedade con máis contratos temporais e de duración inferior que en anos anteriores. Esta é a conclusión que vén de facer pública a CIG.

Dende o sindicato destacan que de 67.059 contratos feitos só 4.078 (6.35 %) corresponden a algunha das modalidades de contrato indefinido e moitos deles son a tempo parcial, “que e modalidade que está sendo potenciada polo goberno e os empresarios e que constituie unha bolsa de fraude”, reclaman.

A duración dos 64.197 contratos temporais amosa que é cada vez inferior, de feito, 14.671 tiveron unha duración inferior a unha semana; 7.082 duraron entre a semana e o mes; 14.059 entre 1 a 6 meses; 3.141 de 6 meses a un ano; 246 duraron máis dun ano; e 24.380 tiveron unha duración indeterminada (contratos por obras, por produción, interinidade…).

Estas cifras constatan para a CIG “o empobrecemento e a inestabilidade no emprego, consecuencia das nefastas consecuencias das últimas reformas laborais que provocan unha multiplicación da precariedade con elevada temporalidade, aumento da explotación con salarios inferiores, máis xornada e peores condicións de traballo”.

“A propaganda que se fai desde o Goberno pretende amosar unha imaxe de recuperación e saída da crise que está lonxe da realidade laboral”, conclúen.