Presentación programa de termalismo

A oferta deste ano inclúe estancias de ocio e saúde,  así como percorridos turísticos, gastronómicos e de lecer, nunha iniciativa que na que en 2015 participaron máis de 1.700 turistas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado da deputada provincia de Turismo, Ana Villarino, e do director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, asinou no Balneario de Laias (Cenlle) con representantes de establecementos balnearios da provincia o convenio de “Termalismo Social” 2016, un programa que ten como obxectivo ofertar servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nas propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais, nos servizos médicos asociados e nas actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia.

Os balnearios que asinan o convenio son o Grupo Caldaria (Laias, Lobios e Arnoia), e os establecementos termais de Baños de Molgas, Cortegada e O Carballiño.

A oferta deste ano inclúe estancias de ocio e saúde, así como percorridos turísticos, gastronómicos e de lecer, nunha iniciativa que na que en 2015 participaron máis de 1.700 turistas. O 70% dos participantes no programa proveñen de fóra da provincia, e deles un 55% chegaron a por tren.

En cifras globais o programa oferta inicialmente en 2016 unhas 2.000 prazas. Baltar afirmou no acto que este ano a Deputación destinará 100.000 euros para accións de termalismo social, e subliñou que na primeira semana desde que o 7 de xaneiro se publicaran as bases do programa “xa tiñamos rexistradas máis de 250 solicitudes, máis da metade das prazas solicitadas nos primeiros meses do ano pasado”.

Incremento do 139 %

O número final de persoas que participaron nas diferentes modalidades do Programa de Termalismo Saudable da Deputación no 2015 foi de 1.745, esta cifra supón un incremento do 139% sobre as que participaron no 2014, un salto cuantitativo moi importante no apoio da administración provincial ao sector termal e aos seus establecementos balnearios.

Este volume de participantes significou para o conxunto dos balnearios un total de 7.396 pernoctacións e 16.132 tratamentos termais administrados.

Solicitudes a través de internet

Todas as solicitudes serán tramitadas unicamente a través de administración electrónica, na dirección http://termalismo.depourense.es

A solicitude poderá presentala por internet o propio interesado ou de forma presencial a través de diferentes organismos colaboradores. No caso de que o cidadán opte por realizala dende un organismo poderá xestionala a través da Área de Benestar da Deputación, dos Servizos Sociais Comunitarios de entidades locais ou dos propios balnearios.

Convenio con Renfe

Para o desenvolvemento do Programa 2016 firmouse un convenio con Renfe a través do cal se inclúe o billete de tren nas estancias termais dende 12 liñas de ferrocarril que cobren a práctica totalidade de comunidades autónomas e que cunha frecuencia semanal conectan todos os luns en torno a 40 cidades, nas que residen máis de 12 millóns de persoas, cos balnearios.

Á chegada á estación de Ourense os participantes teñen incluído o traslado ao balneario escollido.