O grupo municipal presenta unha moción para aprobar unha axuda de tres mil euros aos menores nacidos ou adoptados no Iriixo.

O voceiro do grupo municipal socialista do Irixo, Iago Fariñas Valiña, vén de presentar unha moción para debater no vindeiro pleno coa que fomentar a natalidade. A proposta socialista insta a crear unha axuda de 3.000 euros aos nenos nacidos ou adoptados no municipio.

O portavoz socialista explica que a despoboación é un problema «que, se ben é certo, que precisa da axuda de todas as administracións, non é menos certo que os propios concellos son os que teñen, como administración máis achegada ao cidadán, que poñer en marcha iniciativas e políticas que axuden a reverter esta tendencia». Recorda que O Irixo chegou a ter, no ano 1900, ata 6.787 veciños, que no ano 1987 eran 3.914, ata chegar aos 1.600 do ano 2015. Unha despoboación motivada pola marcha da xente a outros lugares e pola falta de nacementos. No ano 1987 naceron 11 rapaces mentres que en 2013 só houbo un nacemento.

A proposta socialista solicita que o pleno do Concello do Irixo aprobe a elaboración dunha ordenanza municipal para a concesión anual dunha axuda de 3 mil euros a todos os nenos e nenas que nazan no Irixo ou sexan adoptados en cada ano; que se destine para esta axuda o 2% do orzamento municipal, porcentaxe que se poderá incrementar dependendo do éxito da medida; e que se consensúe a elaboración da referida ordenanza entre todos os grupos da corporación.