O grupo municipal recibe «con decepción» os acordos derivados da mesa de traballo en materia de seguridade viaria por entender que todas as propostas presentadas «concéntranse na sanción e non afrontan o problema real».

Para Ourense en Común, as medidas propostas polo Partido Popular, radares e sancións, «non afrontan o problema estrutural que a cidade de Ourense ten en materia de mobilidade». Dende este grupo municipal botan en falta un cronograma de actuacións específicas orientado á progresiva pacificación do tráfico.

«Trátanse por igual a peóns e vehículos motorizados, chegando incluso a presentar a posibilidade de sancionar tamén aos peóns. Dende Ourense en Común comprendemos a cidade como un espazo de convivencia para as persoas, as cales deben situarse no centro da acción de goberno. Así é que calquera proposta debe ir orientada a mellorar as súas condicións de vida, en seguridade viaria pero tamén ambiental, acústica, etc. Razón pola que regular en base a unha condición de iguais peóns e vehículos é un erro de valoración moi grave que afasta por completo ao Concello de Ourense do ideal de cidade saudable proposto», opinan a través dun comunicado de prensa.

Das medidas presentadas polo grupo de goberno trala mesa de traballo coas outras administracións con responsabilidade en seguridade vial as únicas que recibe a «marea» ourensá «con esperanza» son as ligadas a un compromiso orzamentario para abordar accións estruturais na instalación de pasos elevados, bandas redutoras e medidas semellantes. «Con todo estas accións deben ter claro cal é o seu fin, a pacificación do tráfico motorizado na cidade, e ir acompañadas doutras moitas nunha estratexia conxunta en materia de mobilidade», apuntan.

Dende Ourense en Común seguirán instando Partido Popular a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para avaliar todas estas propostas e medidas urxentes de prevención de atropelos.