No pleno de setembro, cos votos a favor de OUeC e DO, aprobouse a retirada dos mupis e a instalación de taboleiros de barrio que serían xestionados polas asociacións veciñais.

Ourense en Común analiza con preocupación a intención do goberno do Partido Popular de sacar a concurso o mantemento e explotación dos soportes publicitarios municipais, segundo explican, incumprindo o acordo plenario do 2 de setembro.

Naquel entón aprobouse, cos votos a favor de OUeC e DO, a eliminación con carácter de urxencia dos mupis da cidade, que supoñían  -ao entender de ambas formacións- unha barreira arquitectónica, cancelar o prego de contratación en curso e instalar taboleiros de barrio xestionados polas diferentes asociacións veciñais, “para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión”, especificábase na moción.

 Dende Ourense en Común sinalan “un preocupante interese por parte do Partido Popular en reducir os espazos de difusión e divulgación para colectivos e asociacións”, como mostra tamén o endurecemento das sancións pola instalación de carteis na vía pública.

Coa intención actual do PP de retomar a convocatoria do concurso público de mantemento e explotación de soportes publicitarios municipais “incumpre un punto nodal daquela resolución plenaria”, explican dende OUeC, e anuncian “accións de rúa, protesta e denuncia”.