CHMS, Xunta, Deputación, Coren e Ecolagunas impulsan este proxecto, ao que se destinará un orzamento de 2,5 millóns de euros ata 2017.

Reducir a presenza de nutrintes de orixe agraria e gandeira nas masas de auga da comarca da Limia e recuperar os cursos fluviais afectados a través de técnicas innovadoras, é a finalidade do proxecto Life Regenera Limia, unha iniciativa na que traballan desde fai máis dun ano a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, os concellos que abrangue o río Limia e as empresas Coren e Ecolagunas. Un proxecto que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, dos que a metade son achegados pola UE e o resto polos organismos implicados.

Os socios deste proxecto rubricaron este luns o convenio de colaboración na Subdelegación de Goberno en Ourense: o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e os representantes das empresas Coren e Ecolagunas, Emilio Rial e Luís Felipe Fernández, respectivamente. O acto foi presidido polo subdelegado, Roberto Castro, e contou coa presenza de representantes dos concellos de Xunqueira de Ambía, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo, Bande, Muíños e Lobeira.

A conca do río Limia é a principal comarca agrícola de Galicia. Compatibilizar este uso coa conservación do medio ambiente é o obxectivo do Life Regenera Limia. Trátase, polo tanto, de reducir ao máximo posible os efectos que a utilización dos fertilizantes e abonos teñen nas masas de auga, unhas consecuencias que tamén se deixan notar nos bosques de ribeira. E facelo empregando técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos medioambientais que establece a Directiva Marco da Auga.

Para conseguilo, as distintas administracións e entidades implicadas están a impulsar actuacións pioneiras de prevención, control, recuperación e información dos resultados a gandeiros, agricultores e outros profesionais destes sectores.  En total son 26 actuacións, algunhas delas xa executadas ao abeiro do protocolo de compromiso que se asinou en 2014 para dar comezo a este proxecto. O resto deberán executarse entre este ano e o próximo.

Actuacións de Medio Ambiente

No que respecta á Consellería do Medio Ambiente, levará a cabo tres accións concretas. A primeira consistirá na recuperación e rehabilitación dos cursos fluviais modificados co obxectivo de mellorar a súa capacidade de retención e asimilación de nutrintes. No marco desta actuación, trabállase tamén na restauración ambiental das marxes de ribeira e o bosque ripario das canles fluviais.

Ademais, o departamento autonómico está a participar activamente na recuperación e rehabilitación do ciclo hidrolóxico de charcas areeiras abandonadas. O obxectivo é xerar un sistema lagunar que potencia a capacidade de filtrado do curso fluvial.

A última das tres actuacións que desenvolverá a Xunta será a de monitorización e avaliación medioambiental dos resultados. Realizarase un seguimento do impacto da mellora na flora e fauna das zonas de intervención.

Actuacións da Deputación e do Inorde

Canto á Deputación Provincial e ao Inorde, colaboraron coa empresa Ecolagunas para habilitar unha planta de tratamento de xurros nunha finca en Covelas, no municipio dos Blancos.

Próximas licitacións

Pola súa banda, a CHMS licitará a finais de xaneiro o proxecto de reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area no canal de Antela, co obxectivo de crear un sistema lagoar de charcas como acción demostrativa que potencie a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA da Limia.

Tamén en breve a CHMS publicará a licitación do proxecto de recuperación do antigo meandro do río Limia para a mellora da capacidade de retención e asimilación de nutrintes presentes na auga. Con esta técnica innovadora, consistente na conexión hidráulica do río coas súas veigas de inundación a través do antigo curso fluvial, conseguirase potenciar o efecto fluvial natural de redución de presenza de nutrintes provocando a recirculación da auga pola antiga canle do río Limia e recuperando a súa chaira de inundación nos períodos húmidos.

Por outra parte, restableceranse os tipos de hábitats naturais presentes nas veigas do Bidueiral de San Lorenzo, as especies silvestres de flora e fauna autóctonas e as de aves da zona, incluídas na Rede Natura 2000.

Uns proxectos que, segundo o presidente da CHMS, Francisco Marín, darán “os seus froitos aos poucos e a longo prazo”. “Unha vez superada esta fase demostrativa estou convencido que, entre todos, iniciariamos o camiño correcto de cara a conseguir que na futura revisión dos Plans Hidrolóxicos,  prevista para o 2021,  esta masa de auga cumpra os obxectivos ambientais e poida alcanzar a catalogación de bo estado”,  concluíu Marín.