A delegada territorial da Xunta explicoulles aos rexedores ourensáns os trámites necesarios para beneficiarse destes apoios. E fixo fincapé na presentación de solicitudes conxuntas porque serán máis valoradas.     

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo este martes unha xuntanza cos alcaldes da provincia ourensá para informarlles polo miúdo das principais actuacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten activadas 9 liñas de axudas das que se poden beneficiar os concellos e que suman preto de 35 millóns de euros.

Estes programas abranguen eidos tan amplos como o fomento de emprego e a formación de persoas desempregadas, a eficiencia enerxética, o impulso do emprego de enerxías renovables e proxectos de biomasa, e a mellora de infraestruturas de parques empresariais.

Díaz Mouteira -que estivo acompañada na reunión polo xefe territorial do departamento autonómico dirixido por Francisco Conde, Tomás Paz Doniz- trasladoulles aos rexedores ourensáns a colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado no desenvolvemento dos concellos da provincia.

Marisol Díaz lembrou que o prazo do que dispoñen os concellos interesados nas liñas de axudas activadas por Economía remata, na maioría dos casos, o vindeiro día 30 de xaneiro. Este é prazo para solicitar calquera dos 6 programas de emprego abertos que teñen un orzamento de máis de 29 millóns de euros.

 

Programas de Emprego

Así, a máxima representante do Executivo galego en Ourense informou aos representantes municipais que a Consellería destina este ano 14 millóns de euros aos obradoiros de emprego.

Emprego vén de activar tamén programas integrados (2016-2017) cun orzamento de case 2,9 millóns de euros, e o de fomento do emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais, dirixido fundamentalmente á contratación de socorristas, cun presuposto de 1,3 millóns de euros.

Ademais, está activada a liña de apoios para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, que conta con case 5,7 millóns, mentres que as axudas destinadas á contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego suman máis de 5,4 millóns de euros. 

 

Parques empresariais e aforro enerxético

Marisol Díaz Mouteira tamén informou de que Economía, Emprego e Industria ten posto en marcha, un ano máis, as axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia cun orzamento de máis de 3,8 millóns de euros. Os concellos interesados nestas axudas teñen ata o 22 de febreiro para formalizar a solicitude.

Por último, a delegada territorial resaltou na xuntanza que o Inega ten activadas dúas liñas destinadas a promover o aforro e a eficiencia enerxética que contan cun orzamento específico para as administracións públicas locais de preto de 1,7 millóns de euros. Neste eido impúlsase a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables, así como os proxectos de equipamentos térmicos de biomasa. O prazo para solicitar estas axudas remata o 15 de febreiro.