Baltar cos senadores ourensáns do PP

A senadora por Ourense, Miri Barreira, acusou aos socialistas de crear un altofalante para quen desafían e non respectan ás institucións deste país.

A cesión de senadores por parte do PSOE a outras forzas políticas é unha fraude ao electorado e unha mostra máis da procura de solucións personalistas fronte aos intereses xerais, dixo este martes o presidente provincial do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, no transcurso dunha rolda de prensa na que a senadora por Ourense, Miri Barreira, acusou ao PSOE de crear un altofalante para quen desafían e non respectan ás institucións deste país.

Acompañado tamén polo resto de senadores da provincia, Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Juan Manuel Jiménez, Manuel Baltar defendeu a coherencia da formación popular, que lembrou foi a segunda de toda España en apoio porcentual ao PP, “pois ratificamos o compromiso que adquirimos coas nosas candidaturas, tanto ao Senado como ao Congreso”.

Con todo, criticou, o PSOE demostrou xogar coas cartas escondidas, cualificando como «suicida» a cesión de senadores a outras forzas, en particular independentistas, “máxime cando estamos a falar da unidade de España e dun momento no que se precisa estabilidade”. «Este tipo de xogos desvirtúa algúns dos alicerces da democracia»; engadiu.

Baltar preguntouse cal é a representación que queda ao PSOE en Galicia, pois o senador por Lugo, Ricardo Varela, foi cedido a Democracia i Llibertat, o partido de Artur Mas,  e o de Ourense, Luís García Mañá, “que saibamos ata o momento non pertence á formación socialista pois ía como independente”.

Miri Barreira, pola súa banda, puxo a énfase no que cualificou como un sinsentido, pois nun momento de incerteza como o actual o líder dos socialistas deixa sen representación a miles de votantes do PSOE “para crear un altofalante que só beneficiará a quen desafían as institucións”.

Para a senadora ourensá, a cesión dos catro senadores só se explica na intención de facilitar a Esquerra Republicana  e Democracia i Llibertadt que poidan contar cun grupo parlamentario propio, portavoz propio e subvención propia.

Con todo, Barreira tamén fixo un chamamento aos socialistas para negociar co PP un goberno estable. «Temos grandes espazos de acordo onde podemos atoparnos», dixo.