Pepe Araújo e Pepe Méndez

No último trimestre de 2015 visitaron o parque máis de 1.400 persoas.

O Concello de Ourense vén de presentar as actividades que organiza durante o primeiro trimestre do ano no parque Botánico de Montealegre. Son obradoiros, dirixidos para público infantil e adulto, cos que se pretende achegarlles aos ourensáns o seu medio máis próximo e, ao mesmo tempo, fomentar o Parque de Montealegre como un dos espazos de lecer de referencia. “Só no último trimestre do ano visitaron as súas instalacións 1.424 persoas, un 16% máis que no mesmo período do ano anterior”, afirmou José Araújo, concelleiro de Medio Ambiente.

O éxito das actividades, nas que participaron 400 persoas na súa última convocatoria, obrigou aos responsables a desenvolver un novidoso sistema de inscrición a través da web botanicodemontealegre.com. Logo de anotarse, os interesados recibirán unha mensaxe que os convide a confirmar a súa participación nos vindeiros tres días. Todas as actividades son gratuítas, pero é necesaria a inscrición previa para todas elas.

As actividades infantís están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos e celebraranse os domingos de 11:30 a 13:30 horas. As de adultos celebraranse os sábados de 16 a 18 horas.

Para o público adulto o parque programa cursos de escritura creativa (23 de xaneiro), obradoiro de xabóns naturais (30 de xaneiro), meditación e relaxación (13 de febreiro), elaboración de leites vexetais (27 de febreiro), e sobre a creación de sementeiros (12 de marzo). Para o público infantil a oferta abrangue pintura creativa (24 de xaneiro), entroido (31 de xaneiro), descubrindo os animais (14 de febreiro), paxaros e comedeiros (28 de febreiro) e sementeiros e Sr. Céspede (13 de marzo).

Horarios de apertura

O horario de apertura do Parque Botánico de Montealegre é de 10 a 18 horas (agás o luns que permanece pechado), e todos os sábados ás 12 horas hai visitas guiadas gratuítas polas súas instalacións.