O Goberno municipal recalca que grazas á súa xestión incrementáronse en 5.600 as horas de dependencia, logrando que ningún dependente de grao 3 na cidade quedase sen atender dende a implantación da lei, e se pagaron as débedas coas entidades sociais que deixou o goberno anterior.

O Goberno municipal de Ourense rexeita as acusacións verquidas polos socialistas tendo en conta que alertan de “eivas” que non existen.  A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, manifesta que é totalmente incerto que existan 1.000 horas sen usar de Axuda no Fogar para persoas con dependencia. «En primeiro lugar, non é o goberno municipal o que xestiona ditas horas, senón que son os traballadores sociais do Concello os que realizan esta xestión. Ademais, os traballadores sociais, no exercicio da súa profesionalidade, déronlle especial prioridade a este asunto, dado que os beneficiarios son persoas con dependencia de grado 3. Incluso a empresa concesionaria tramitou estas horas con total dilixencia. De feito, a empresa reaxustou aos seus traballadores de axuda no fogar de libre concurrencia e contratou, a maiores, 60 persoas para este fin», sinalan desde o grupo de goberno a través dun comunicado.  Foi grazas ás xestións deste goberno municipal que se incrementaron a 5.600 as horas de dependencia, logrando que ningún dependente de grado 3 da cidade quedase sen atender dende a implantación da lei.

“A día de hoxe, non hai ningún, e digo ningún expediente pendiente de tramitación”, sinala Sofía Godoy. De feito, a concelleira invita ao grupo socialista a que contraste os datos relativos a este servizo antes de falar publicamente deles.

Tamén é incerto que o contrato de Axuda no Fogar remate no mes de febreiro. De todos os xeitos, neste momento está a piques de rematar a tramitación do novo prego de contratación.

No tocante aos informes de seguimento por parte da empresa, deixáronse de facer dende febreiro de 2015, «tema que o GM do PSOE debería coñecer, toda vez que era este grupo o que gobernaba daquela». Na actualidade, dende a Concellería se lle remitiron á empresa diversos requerimentos polos incumprimentos que estaban a realizar, tal e como se lles explicou aos grupos políticos en diferentes xuntas de área.

Con respecto aos consellos municipais, «sorprende a premura que teñen agora as concelleiras socialistas, cando o anterior goberno levaba ano e medio sen convocalos, dende decembro de 2013 (o de Maiores, o de Servizos Sociais e o de Sanidade), e o de Xuventude nin siquera existía. Actualmente, están en marcha ambas convocatorias e se lles solicitará aos grupos a designación dos seus respectivos representantes», continúa o comunicado.