As concelleiras socialistas solicitan ao Goberno municipal que poña en marcha os Consellos Municipais da Área de Benestar Social, paralizados dende a súa chegada ao goberno hai sete meses.

As concelleiras socialistas Carmen Rodríguez Dacosta e Concepción García denunciaron «eivas» na xestión do servizo de Axuda no Fogar por parte do Goberno local de Ourenses. As edís informaron de que despois de que no mes de xullo de 2015 a Xunta de Galicia concedera ao Concello de Ourense un total de 5.600 horas para o servizo de Axuda no Fogar, e máis en concreto, para axilizar a lista de espera de acceso a persoas con dependencia ás mesmas; «neste momento atopámonos cun total de case 1.000 horas ao mes sen utilizar e que non están a ser efectivas debido á deixadez ou incapacidade de xestionalas por parte do Goberno do PP».

As socialistas tamén alertaron da problemática na que dende o verán se atopa a empresa concesionaria cos seus traballadores, a saturación de traballo que teñen e a falta de persoal, que provoca, entre outras cousas, que non se realicen os informes de seguimento pertinentes e de obrigado cumprimento coa periodicidade establecida.

Outro asunto controvertido que resaltaron dende o grupo municipal socialista foi a situación do prego de contratación do servizo de Axuda no Fogar, xa que o contrato coa empresa concesionaria actual caduca o vindeiro mes de febreiro, e as últimas informacións por parte da concelleira de Benestar Social nas xuntas de área informaron que aínda se atopa no Servizo de Intervención para o seu informe.

Finalmente, as socialistas solicitaron ao Goberno do PP que á maior brevidade posible poñan en marcha os Consellos Municipais en materia de Benestar Social (Muller, Consumo, Persoas Maiores, etc.), que despois de sete meses non teñen ningún en funcionamento e nin sequera solicitaron aos grupos municipais a designación de representantes nos mesmos.